Outro Obradoiro poliédrico

ANDAR MIUDIÑO

Pascu Mendez

A versatilidade de varios xogadores permitirá manexar múltiples combinacións

27 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Habitualmente o Monbus Obradoiro adoita conformar equipos nos que varios xogadores poden adaptarse a máis dunha posición e o deste curso non será unha excepción. Se seica, unha das novidades respecto de proxectos anteriores é que Moncho Fernández poderá xuntar a dúas bases en pista, unha opción á que apenas recorreu nos once anos que leva á fronte do equipo. Nin sequera na etapa de Rafa Luz, que tamén podía xogar como escolta.

Braydon Hobbs ofreceralle esa posibilidade. Aínda que sobresae como director de xogo, dos que pensan antes no pase que na anotación, ten boa man para o lanzamento de media e longa distancia. Poderá xogar indistintamente ao lado de Albert Oliver ou de Fernando Zurbriggen, se así o estima o Alquimista de Pontepedriña.

Álvaro Muñoz, tres sitúes

No perímetro o máis versátil será Álvaro Muñoz, que a pasada campaña mesmo disputou algúns minutos como base, debido á praga de lesións nesa demarcación. Tanto pode formar tándem con calquera dos dous escoltas, Beliauskas e Robertson, como con Thomas Scrubb.

Laurynas Beliauskas é outro do pelotón dos polivalentes, no seu caso para coller a batuta do equipo se as circunstancias o requiren.

No xogo interior a versatilidade é cousa de Henry Ellenson e de Filipovity. Sobre todo do primeiro, que se pode desenvolver indistintamente como cinco e como catro. De feito, na liga de desenvolvemento da NBA viña xogando como referencia interior do seu equipo, a pesar de que a ameaza de tres é unha das súas principais cualidades.

Con Filipovity pode suceder algo similar ao que ocorreu con Mike Daum. Moncho Fernández recorreu ao americano como aleiro alto nun momento no que as lesións deixaron ao equipo orfo nesa demarcación. E Daum respondeu. O que foi unha solución de urxencia converteuse nun recurso máis.

O pivote húngaro axústase a un perfil moi parecido e en determinadas circunstancias pode ser tamén unha alternativa para o Alquimista de Pontepedriña no perímetro.