Fran Varela: «Corpo técnico ao que máis lle importe o Obra non vai haber»

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

Este obradoirista leva máis anos en Montouto que Moncho Fernández en Sar

23 jun 2021 . Actualizado ás 20:16 h.

Moncho Fernández encara a súa duodécima tempada consecutiva á fronte do Monbus Obradoiro. Pero hai un obradoirista, dos que acode ao Multiusos de Sar sempre que pode, tamén adestrador, que suma máis campañas seguidas nun mesmo banco. Fran Varela totaliza trece cursos do tirón levando as rendas do equipo sénior do Peleteiro. Chegou no verán de 2007 e, curiosamente, tomou a vez de Gonzalo Rodríguez, un dos actuais axudantes do Alquimista de Pontepedriña, que se aprestaba por aquel entón a iniciar a súa carreira profesional.

A traxectoria de Fran Varela ten a súa singularidade, xa que foi primeiro xogador, despois adestrador, volveu vestirse de curto e, case sen darse conta, viuse de novo no banco.

Lembra os seus inicios como técnico «no Don Bosco, e tamén un ano nun dos júnior do Rosalía». Aprobou as oposicións de Maxisterio, tivo o seu primeiro destino en Zas e optou por deixar a lousa para vestirse de curto, por unha cuestión de horarios.

O seu último equipo foi o Noia: «Xogaramos a final a catro para subir á EBA. Alí rematou un ciclo. Quedabamos medio desenganchados varios xogadores. Chamáronos Arturo Alcalde e Manolo Vidal, para ir ao Peleteiro. Tamén tiñamos a posibilidade de Cluny. Optamos por Peleteiro. A Gonzalo saíulle a opción de irse fóra, Arturo marchou para Carballo, Caldas ía para Barcelona... Comentei cos compañeiros a posibilidade de coller o equipo como adestrador, e despois díxenllo á directiva. Pareceulles ben. E saíu ben, porque nunca contei que ía botar tanto tempo».

Leva máis dun ano sen dirixir un partido, porque o equipo renunciou a competir tendo en conta a incerteza xerada pola pandemia. Pero non deixaron de adestrar, aínda que sexa ao ralentí e con precaucións.

Un ano atípico

O que se lle fai máis raro son as fins de semana sen pisar as canchas: «Entre xogador e adestrador, levaba case trinta anos cos sábados ou os domingos ocupados polo baloncesto. Ademais, as restricións polo covid-19 non permitían moitas ledicias. Foi bastante estraño. Aproveitei para ver moito baloncesto na casa».

No Peleteiro case sempre lle tocou manexar persoais cunha curiosa pirámide de idades, mestura de universitarios nos seus primeiros anos de carreira e veteranos que ás veces estaban máis preto dos corenta que dos trinta. «Sempre acaba habendo boa química -apunta Varela-. Aos novos sempre os animo a que aprendan dos compañeiros, a aos veteranos pídolles paciencia e comprensión. Os rapaces son unhas bestas físicas, pero a lectura do xogo so se colle co tempo. E ás veces cústalles entender os roles, por que o último balón ten que ir a Aitor ou Vicario, por exemplo».

Non lle tocou lidar con grandes transformacións no equipo. Desde esa perspectiva dá aínda máis valor á traxectoria que está a asinar no Obradoiro o cadro de adestradores: «Sempre o digo. Máis traballadores e que máis lles importe o club non os vai haber. Demostran sobradamente a súa capacidade e coñecementos».

Centra a análise en aspectos máis concretos: «A mellora dos xogadores, non so a nivel de grupo, é un selo de identidade. Xogador que vén ao Obra sae mellor do que era. E hai que ter en conta que reinventarse cada ano, construír un equipo, é o máis difícil. En todos os anos no Peleteiro tiven a sorte de que o grupo máis ou menos se mantiña. É máis doado incorporar a un ou dous que cada ano sete ou oito. O do Obradoiro ten un mérito enorme».