Robertson intimida ao Estudantes

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

Alba Pacheco LOF

O Obradoiro, cunha gran actuación do canadense, logrou a vitoria na cancha colexial e confirmou a súa permanencia unha tempada máis na ACB

09 may 2021 . Actualizado ás 17:01 h.

O Obradoiro logrou o título da permanencia na pista do Estudantes, unha cancha maldita e na que asinou a súa primeira vitoria desde que é equipo da Liga Endesa. O conxunto galego acadou a súa maior renda de once puntos co resultado final: 83-94. O marcador débese en gran parte á sobresaliente actuación do canadense Kassius Robertson, que finalizou o seu repertorio con 31 puntos e seis triplos.

Con esta derrota, o Estudantes complícase a vida e deberá agardar ao que faga o Bilbao Basket nos partidos que ten pendentes. O Obradoiro dominou sempre no luminoso, excepto nos seis primeiros minutos do duelo e nuns poucos segundos do terceiro cuarto.

A igualdade nos compases iniciais, a pesar do triplo que se inventou Robertson, rompeuna Delgado con seis puntos consecutivos. O Estudantes foise sete arriba (12-5) mediado o primeiro cuarto. O Obradoiro reaccionou rápido e iniciou o seu recital desde longa distancia. Enoch e Daum, con dous triplos consecutivos, iniciaron un parcial demoledor do equipo galego: 1-14, en catro minutos. Aquí empezou a elaborarse o triunfo galego.

O colectivo de Moncho Fernández, con dous novos triplos de Suárez e Robertson, gozou de seis puntos de renda antes da conclusión do primeiro acto. Delgado, con 10 puntos, mantivo con vida ao quinteto colexial, pero o Obradoiro chegou ao primeiro descanso con seis de vantaxe (19-25) grazas a outro triplo de Robertson e ao canastón desde o salón da súa casa de Mike Daum, xusto cando soou a bucina. O cinco compostelán concluíu este primeiro cuarto cun 58 % de efectividade no triplo (7 de 12) e con 11 puntos dun inspirado Robertson. Os obradoiristas asinaron 21 dos seus 25 puntos desde o perímetro.

As queixas de Moncho Fernández ao concluír o último doio fronte ao Barcelona, culpando da derrota ao desacerto nos triplos, produciron o efecto desexado. O pistoleiro principal do Obra entendeu ben a mensaxe e foi un auténtico vendaval.

O mesmo guion

No segundo cuarto non cambiou moito o guion, a pesar de que o Estudantes anotou o seu primeiro triplo do encontro. O protagonista foi o ex do Obra Martin Laksa. Neste acto, o colectivo da capital galega só converteu un triplo de cinco intentos, pero logrou acadar unha máxima renda de nove puntos (26-35 e 35-44). Os de Moncho Fernández mantiveron o seu nivel defensivo e levantaron un pouco o pé do acelerador no xogo de ataque.

Ao descanso chegouse cun +7 para o Obra (37-44) e con Delgado (7 canastras de 7 intentos) como máxima referencia estudantil. Enoch foise ao banco antes do descanso ao cometer a súa terceira falta persoal, un hándicap importante para os obradoiristas tendo en conta que Birutis, que entrou na convocatoria, chegou a Madrid con moitos problemas físicos.

Á volta de vestiarios, o Estudantes recuperou a confianza e aproveitou a cuarta falta persoal do base Kartal Ozmizrak. O quinteto colexial conseguiu darlle a volta ao marcador en tres minutos: 48-47. Pero foi unha miraxe que durou menos de 30 segundos. Un triplo de Czerapowicz volveu dar ás aos obradoiristas. Oliver, con dous lanzamentos de lonxe, mantivo ao seu equipo con firmeza, a pesar de ver Enoch a cuarta persoal. Avramovic e Delgado non deixaron derrubarse ao Estudantes.

Non lle tremeu o pulso

No cuarto definitivo ao Obra non lle tremeu o pulso. Robertson, co seu sexto triplo, empezou a cavar a tumba colexial, xusto despois de converterse Ozmizrak en protagonista. No ecuador deste cuarto, o turco anotou a súa primeira canastra, seguido de dous tiros libres. Estableceu unha renda de oito puntos. O base matou o partido cun triplazo a oitenta segundos para a conclusión (80-90). Un tapón de Czerapowicz freou xa en seco aos madrileños, asustados polo gran repertorio do canadense Robertson.

FICHA TÉCNICA

(83) Estudantes: Barea (12), Avramovic (32), Brown (5), Djurisic (2) e Delgado (20) -cinco inicial- Soa (0), Laksa (3), Cvetkovic (5), Arteaga (2) e Sakic (2).

(94) Obradoiro: Ozmizrak (7), Robertson (31), Czerapowicz (7), Suárez (5) e Enoch (11) -cinco inicial- Oliver (7), Beliauskas (0), Daum (16), Cohen (8) e Muñoz (2).

Árbitros: Juan Carlos García, Rafael Serrano e Joaquín García. Sen eliminados.

Incidencias: Partido da xornada 36 da Liga Endesa disputado a porta pechada no Palacio de Deportes de Madrid.