Case todo ben, pero non abondou

Fran Camba

ANDAR MIUDIÑO

Gerard Franco LOF

07 may 2021 . Actualizado ás 00:10 h.

Enfrontarse a un equipo que compite en Euroliga é complicado de seu, os persoais extra longos que poden afrontar estes clubs complícano aínda máis, e a norma ACB que permite activar xogadores ata as 14 horas do día do partido engádenlle outro punto de dificultade á hora de preparar o choque.

Jasikevicius excluíu a Davies e Higgins, é dicir, prescindiu de moito volume de lanzamentos próximos ao aro, un dos poucos puntos débiles do Barcelona esta tempada, pero mantivo a impresionante capacidade do equipo para sumar de 3, focalizada en Kuric, Abrines e Mirotic, tres xogadores con vías de anotación moi diferentes. Mentres que máis do 95 % dos triplos de Abrines e Mirotic son asistidos, Kuric é capaz de xerar o 30 % das súas canastras. O Obra necesitaba cortar esa produción do Barcelona, limitar as posesións perdidas (o rival é o equipo que máis roubos provoca da liga, especialmente tras canastra anotada) e estar á altura no rebote. O equipo fixo case todo ben excepto no que non adoita fallar, demasiado erro no triplo liberado, sobre todo desde posicións frontais.