O Obradoiro non puido co ritmo anotador do Tenerife

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

O equipo compostelán aguantou 20 minutos e foise apagando tras o descanso

28 feb 2021 . Actualizado ás 14:38 h.

O Monbus Obradoiro flirteó coa sorpresa durante vinte minutos pero acabou claudicando contra un Tenerife que ten moitos máis recursos e que os exhibiu en Sar: . Non levantou o pé do acelerador en ningún momento, nin cando os locais aguantaron o ritmo de anotación nin cando se diluíron en ataque.

A primeira parte acabou cun axustado 39-38 no marcador e non resultaba doado saber se era unha boa noticia ou un escenario preocupante. Porque daba a sensación de que o Obradoiro estaba realizando un partido notable e o rival, nun día sen alardes, só cedía por un punto. No que si se notaba unha melloría era nos tempos dos xogadores en pista, máis longos, máis parecidos aos de antes da corentena.

A primeira sorpresa chegou antes de que comezase a contenda. Czerapowicz non se recuperou a tempo e de Koniaris non había nin o rastro. No transcurso da contenda chegou unha explicación oficial: o xogador pediu a rescisión de contrato e a negociación está en marcha. Debutou Kartal Ozmizrak e deixou detalles de base director.

O partido empezou da peor dos xeitos posibles, con Shermadini merendando na pintura santiaguesa. En dous minutos puxo un parcial 0-7 para abrir boca. O Obra non se descompuxo. Contestou cun 9-0 abanderado por Daum.

O ritmo de xogo era máis o do Tenerife que o dos santiagueses, con moitas posesións e unha alta anotación, cos locais aceptando o intercambio de canastras con boas porcentaxes.

Os visitantes empezaron encomendándose en ataque a Shermadini, despois houbo unha breve irrupción de Salin e tomou a vez Marcelinho, que empezou fallón pero sobrepúxose con esas suspensións que parecen deterse no aire con tempo para decidir se tira ou opta por un pase en última instancia.

O segundo acto foi máis trabado, máis do gusto do Obradoiro. Pero non conseguiu rendibilizalo. O cinco local enlazou os seus mellores minutos en defensa e ataque para abrir fenda, 37-28, cun dous máis un de Pepe Pozas. Pero aí atascouse, e ata o descanso só engadiu dous puntos máis.

Tras o paso por vestiarios o partido volveu parecerse ao do pimer cuarto pero cos locais sen a fluidez daqueles minutos. Cando non atopan puntos nos triplos o equipo reséntese.

Tampouco o Tenerife tiña un bo día na longa distancia. Pero contaba con Marcelinho Huerta e a Shermadini para sumar cando a circulación de balón non atopaba os froitos agardados. Os insulars foron aumentando as súas vantaxes con moito apromo para entrar no último cuarto nove arriba, con Marcelinho Huertas impartindo maxisterio.

Álvaro Muñoz cravou un triplo para devolver algo de emoción. Pero aí acabouse a capacidade de reacción. Marcelinho contestou con outro triplo.

Ao Tenerife non se lle pode regalar nada. E Enoch se descentró cunha técnica absurda e unha perda de balón que lle custaron ao equipo catro puntos. Con 55-70 e oito minutos por xogar Moncho Fernández pediu tempo morto.

Non serviu de nada. O Tenerife estaba lanzado e ao Obradoiro fíxoselle o partido moi longo. Aos visitantes só lles faltaba o acerto no triplo e atopárono no epílogo. Asinaron neses dez minutos 36 puntos, dous menos que en toda a primeira parte.

FICHA TÉCNICA

Obradoiro, 71: Pepe Pozas (5), Robertson (17), Daum (21), Álex Suárez e Enoch (2) -cinco inicial-. Álvaro Muñoz (6), Ozmizrak, Beliauskas (5), Birutis (10) e Cohen (4).

Tenerife, 97: Fitipaldo (9), Cavanaugh (4), Salin (7), Doornekamp (2) e Shermadini (19) -cinco inicial-. Sergio Rodríguez, Sulejmanovic (9), Lópoez, Yusta (11), Marcelinho Huertas (22), Butterfiled (10) e Fran Guerra (4).

Parciais en cada cuarto: 24-22, 15-16, 13-23 e 19-36.