O Obradoiro entra na semana da volta a clase

La Voz

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

Os xogadores sumaranse ao traballo a medida que vaian recibindo a alta médica

19 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os peores momentos do covid-19 para o Monbus Obradoiro empezan a quedar atrás. De feito, o club entra na semana da volta aos adestramentos, a da lenta recuperación da normalidade.

Son días de probas PCR e serológicas para confirmar que xa non hai posibilidade de contagios entre quen se viron infectados e desenvolveron anticorpos.

A medida que vaian recibindo a alta médica por parte do Sergas, os integrantes do equipo irán tomando contacto cun parqué que non pisan desde o pasado 29 de decembro, cando se detectou o primeiro positivo. E, se non hai contratempos, cara a final de semana o club agarda poder dispor de case todo o persoal, senón toda.

A próxima será a segunda xornada da segunda volta na Liga Endesa, e ao conxunto de Moncho Fernández corresponderalle descansar por quenda, porque así quedou fixado cando se sorteou o calendario. Se se cumpren as previsións respecto da volta ao traballo dos xogadores, chega no mellor momento, xa que lles permitirá ir facendo unha reincorporación progresiva e, a partir do luns, centrarse xa no seguinte encontro, na visita do Bilbao a Sar, o sábado 30 ás 18 horas.

Quedarán por recuperar os duelos pendentes co Estudantes e o Real Madrid en casa, e a visita ao Andorra. E todo iso grazas a que as xornadas de descanso da primeira e a segunda volta han coincidido co illamento domiciliario.

O Estudantes atópase agora en plena corentena e a ACB confirmou o adiamento do seu partido ante o Joventut previsto para este domingo. O UCAM Murcia é outro equipo que tamén se viu afectado polo covid-19 e que apura a recta final do illamento.