Antonis Koniaris, novo base do Obradoiro

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

Cedida

Mide 1,96 metros, ten 23 anos de idade e chega cedido ata final de tempada

16 ene 2021 . Actualizado ás 15:37 h.

Esta tempada, o Obradoiro non tivo moita sorte cos bases. Contratou no verán a Kartal Ozmizrak, un xogador con experiencia continental, para formar unha parella de luxo con Pepe Pozas, un base que creceu a pasos axigantados en Sar. Uniuse tamén no proxecto un canteirán, Rafa García. Moncho Fernández contaba inicialmente cun bo equipo para a dirección do xogo obradoirista. Con todo, a fortuna non acompañou.

O internacional turco Ozmizrak lesionouse ao primeiro de vez e aínda non puido debutar coa camiseta do conxunto compostelán. Vai mellorando no seu proceso de recuperación, pero xa se perdeu media tempada. A situación obrigou a ir de inmediato ao mercado para asinar a un ilustre veterano da Liga Endesa, o catalán Albert Oliver (42 anos). O de Tarrasa cumpriu á perfección e deu moitos minutos de descanso a Pozas.

Pero Pepe Pozas tamén caeu. A súa lesión non é tan grave como a do turco, pero leva o seu tempo pórse en forma de novo. Aínda por riba, o mozo Rafa García (case 17 minutos no último encontro ante o Murcia) tamén se lesionou na despedida do ano. Oliver tivo que xogar máis de vinte minutos.

Moncho Fernández quedou sen organizadores. Por iso, o club púxose ao choio para buscar recambios no mercado europeo. Deste xeito, o Monbus Obradoiro chegou a un acordo con Antonis Koniaris e o Olimpiakós para a cesión do xogador ata o final da presente tempada. É un base de 1,96 metros e de 23 anos de idade. O reforzo obradoirista máis nada que disputou un partido oficial no presente curso, pois o conxunto grego só participa na Euroliga. Na pasada campaña, Koniaris participou en 23 encontros europeos cunhas medias de 3,4 puntos, 41,7 % en triplos e 1,4 asistencias, en 12,9 minutos.

É internacional absoluto. Tamén participou coa selección grega nas categorías inferiores de menos de 20 anos (medalla de ouro no Europeo de Creta, no 2017), 18, 17 e 16 (medalla de bronce no Europeo de Kiev, no 2013). A do Obradoiro será a súa primeira experiencia fóra do seu país, onde defendeu as cores do PAOK, Panathinaikós e Olimpiakós.

Problemas coas lesións

José Luis Mateo, director xeral do Obra, explica que «debido aos problemas de lesións que se acumularon nos xogadores que conforman a dirección do equipo (Ozmizrak, Pozas e García), e ante o calendario cargado de partidos que se nos aveciña, decidimos reforzar o posto de base cun xogador novo, pero con experiencia no máximo nivel europeo». Ao mesmo tempo, o directivo apunta que «as condicións físicas o capacitan para ser un gran defensor. A súa toma de decisións no bloqueo directo, o feito de poder xogar con outro base e o seu desexo de incorporarse ao noso equipo tamén foron importantes para concretar a operación».

Antonis Koniaris desprazarase a Santiago durante a próxima semana para pasar o recoñecemento médico, asinar o seu novo contrato e empezar a adestrar cos seus novos compañeiros.