O Obradoiro ofrece o reembolso dos abonos ou a súa repercusión na tempada próxima

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

O prazo para pedir a devolución estará aberto ata o 30 de novembro

24 oct 2020 . Actualizado ás 19:52 h.

Despois de que a afección non teña podido acudir a ningún dos tres partidos disputados ata a data en Sar, e á vista de que non é posible facer un prognóstico no tempo acerca de cando volverá o público ás canchas, o Obradoiro ofrece aos seus abonados a posibilidade de recuperar o diñeiro pago para esta tempada ou de acumulalo nun moedeiro virtual e descontalo do carné do próximo curso.

Quen se decanten pola primeira opción, polo reembolso íntegro, terán que comunicalo antes do 30 de novembro, ben mediante correo electrónico á dirección abonados\obradoirocab.com, ben por correo postal ou nas oficinas concertando cita previa. Deberán indicar na solicitude de anulación e devolución unha copia do DNI titular do abono e un certificado de titularidade da conta na que vaia a ser cargada a devolución. A renuncia ao carné implica a perda de condición de abonado e, en consecuencia, do asento asociado a ese carné. As devolucións empezaranse a facer efectivas a partir do 15 de decembro.

A outra opción é a que o club define como asistencia máis compensación. Neste caso, os abonados non recuperan o diñeiro pero tampouco o perden senón que o repercuten na seguinte campaña. Pasan a ter un abono simpatizante.

No momento que poida haber público, no caso de que tamén haxa restricións, abrirase un prazo exclusivo para que poidan solicitar a súa entrada, a través de Internet ou nas oficinas con cita previa, ata que se esgote a capacidade dispoñible. Se acabado o prazo exclusivo quedasen prazas dispoñibles, poríanse á venda ao público en xeral.

Por cada partido ao que non poidan asistir cargaráselles no abono virtual un 5 %, que se irá sumando a un 10 % do importe pagado esta campaña e outro 10 % do pago na 19/20. É dicir, se non hai público nos 18 partidos, a bonificación será 90 %. Se son dez os que se disputen a porta pechada, a bonificación será do 50 %. Os descontos son acumulativos, e poden chegar a acadar o 100 % do importe da tempada 21/22.