Mike Daum continúa co seu traballo á marxe do grupo

La Voz

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

O GBC ten a baixa de Mikel Motos

17 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Mike Daum é a gran preocupación do Monbus Obradoiro de cara ao encontro desta tarde. O pivote americano participou no quecemento do adestramento do venres, pero non no resto da sesión. Leva case dúas semanas á marxe do grupo, polo que as súas opcións de xogar ante o Gipuzkoa Basket son moi escasas. Nas filas visitantes a única baixa é a de Mikel Motos, que aínda non puido debutar esta tempada.

A tripleta designada para arbitrar a contenda desta tarde en Sar é a integrada por Daniel Hierrezuelo, Martín Caballero e Alfonso Oliveirais.

Por outra banda, Laurynas Birutis atopouse coa sorpresa da entrega do trofeo que o acredita como o xogador máis valorado da Liga Endesa no mes de setembro. Recibiuno de mans do capitán, Pepe Pozas, cando agardaba xunto co resto de compañeiros a que comezase unha sesión de vídeo en Sar.

Pozas instou ao pivote a que improvisase un discurso e o lituano demostrou axilidade: «Quero agradecer os bos pases que me dais e os tiros fallados para que poida rebotear».

Tras o partido ante o GBC o Obradoiro terá que preparar dous desprazamentos seguidos: o martes visita ao Real Madrid e o domingo 25 ao Gran Canaria.