Un proxecto moi pensado

Fran Camba O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

11 sep 2020 . Actualizado ás 21:10 h.

En dez días comezará unha nova tempada, a dos pavillóns baleiros e as probas PCR, a dos 19 equipos, a que moi probablemente non disputará algunhas das competicións europeas previstas. Competirase nun contexto completamente novo, con moitas variables a manexar no día a día da complexidade dun equipo profesional. A situación sanitaria determinará a forma de viaxar, o adiamento de xornadas, o xeito de adestrar no caso de que haxa positivos nalgún equipo. O factor cancha perderá importancia e haberá persoais confeccionados para xogar dúas competicións que, finalmente, competirán só en Liga Endesa.

O Obra afronta o ano con sete xogadores novos e baixando sensiblemente a media de idade do persoal. A maior renovación prodúcese entre os interiores do equipo. Vladimir Brodzianski e Deixan Kravic, a parella de pivotes de maior rendemento ofensivo da liga tras Mirotic e Tomic a pasada tempada, seguirán a súa carreira en Joventut e Burgos respectivamente. A cambio, o Obra gaña en capacidade física con Steven Enoch e en versatilidade preto do aro con Laurynas Birutis, ambos cun enorme potencial por desenvolver. Álex Suárez, Mike Daum e Jake Cohen, todo un capitán dun clásico do baloncesto europeo como é Maccabi e unha vella aspiración do Obra que por fin chega a Santiago, completan unha liña interior que seguro que non ten tanta capacidade anotadora como a do ano pasado pero mellora algunha carencia importante do equipo do curso anterior.

A dirección do equipo tamén presenta unha profunda renovación e de novo báixase sensiblemente a media de idade. Pepe Pozas xa é historia do club e comezará a súa sétima tempada consecutiva en Santiago. Este ano acompañarano Kartal Ozmizrak, cando se recupere da súa lesión, e Rafa García. Como case sempre, o club intentou dar continuidade ao perfil dos xogadores que ocuparán esta posición caracterizado polo baixo consumo de posesións e unha enorme capacidade de manexar ritmos de partido e de repartir asistencias.

As posicións exteriores veñen marcadas pola continuidade de Laurynas Beliauskas, Álvaro Muñoz e Chris Czerapowicz, e a novidade de Kassius Robertson. Como non podía ser doutro modo, calquera deles serán unha ameaza constante no lanzamento de 3 e haberá maior capacidade para xerar desde o un contra un, fundamentalmente coa incorporación do canadense.

Ilusión é o cualificativo perfecto para iniciar esta tempada tan especial do 50 aniversario e o desexo da parroquia obradoirista é que a situación sanitaria permita gozar do equipo en directo en Sar canto antes.