Tonecho Lorenzo deixa o seu sinal no Muro do Obra

La Voz

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

Resume o obradoirismo en catro palabras: paixón, sufrimento, espírito e sentimento

14 ago 2020 . Actualizado ás 18:39 h.

Tonecho Lorenzo, cuxa camiseta co número 14 será retirada esta tempada en Sar, é un máis dos abonados que se sumou á iniciativa impulsada polo club baixo a denominación Muro do Obra.

Cunha achega de 95 euros teñen a opción de escribir unha mensaxe que quedará impreso nas paredes do Multiusos. Ademais, recibirán un azulexo similar ao que se poderá ver no pavillón, coa mesma inscrición. E dúas invitacións de tribuna 2 para un partido, excepto ante rivais de Euroliga. O muro poderá acoller un máximo de mil unidades.

En declaracións ao propio club, Tonecho Lorenzo explica a súa mensaxe: «Para min o Obra é paixón, sufrimento, espírito e sentimento. Escollín estas catro palabras porque creo que definen moi ben a este club. Para ser o Obra hai que ter paixón, porque sen ela non estariamos metidos de cheo, sobre todo no deporte. O noso club tamén é sufrimento. Estivemos 17 anos na travesía do deserto, pelexando, e saímos adiante. Non nos podemos esquecer do espírito. Hai que ter ese espírito de loita que sempre caracteriza ao Obra. E para rematar, sentimento. Este é un club familiar e sentimental. O sentimento é o motor na nosa vida e, no deporte, aínda máis».

Anima a outros seguidores a que se sumen a esta iniciativa porque «iso vai quedar aí para toda a vida».

As ganas de volver a Sar

O 14 do Obradoiro ten claro o que agarda desta tempada: «O primeiro, que o cincuenta aniversario se poida celebrar como o club merece. O segundo é máis ben un desexo. Oxalá se poida empezar a tempada con público. Para o Obra a súa afección é moi importante, porque tira moito do carro, presiona e anima para axudar ao equipo. Imos tocar madeira para que se poida estar aí, o número de afeccionados que sexa, seguindo sempre os criterios sanitarios que correspondan».