De novo un Obradoiro poliédrico

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

Volve apostar pola polivalencia e terá máis poste baixo

13 ago 2020 . Actualizado ás 18:53 h.

O Monbus Obradoiro ponse en marcha á espera de que vaian chegando Ozmizrak, Cohen, Enoch e Robertson. É a quenda da alquimia, de experimentar coas fórmulas para sacar o máximo rendemento a un persoal moi renovado, a un equipo que volverá ser poliédrico e distinto aos de pasados cursos.

Hai principios básicos no baloncesto cuántico de Moncho Fernández que se manteñen. Os seus colectivos son como os estudantes que pasan horas diante dos libros. Así o explicaba David Navarro hai uns días: «O de Moncho é un xogo moito máis organizado, cunhas normas moi claras, moi marcadas. Gústalle que se cumpran, non saírse moito do guion. Hai que adaptarse e saber levalo, saber atopar os teus momentos neste xogo organizado».

Non é doado. Chete Pazo, que foi quen enrolou no Obra ao Alquimista de Pontepedriña fai dez anos, sempre tivo claro que «non todos os xogadores valen para o baloncesto de Moncho». O técnico quéreos «bravos e intelixentes». Iso é algo que non cambia. E aínda que varíen os protagonistas e as partituras dun ano para outro, o Obradoiro sempre é un conxunto no que todos os integrantes se pasan moito o balón.

Outra característica que se conserva é a polivalencia. Sempre hai varios xogadores capaces de adaptarse a máis dunha posición, de modo que o adestrador dispón de máis marxe para combinar distintas estruturas. E, nese marco, o equipo terá esta tempada máis presenza no poste baixo. Os dous cincos, Birutis e Enoch, poden anotar na media distancia. Pero se fajan preto do aro. Non pasarán inadvertidos os tiros do lituano coa man esquerda sen apenas despegar os pés do chan nin os ganchos do americano. Cohen é un todo terreo que non destaca en ningunha faceta para manéxaas todas e fai mellores aos seus compañeiros. E Mike Daum, como xa se viu a pasada campaña, pode ameazar na longa distancia e manobrar na pintura.

Adaptarse ás circunstancias

A recado, será unha opción que estará moi presente no plan de ruta de Moncho Fernández, sempre atento ás características dos seus discípulos. Proba diso son as situacións de bloqueo e continuación. Se se fixese un estudo dos últimos dez anos, o Obradoiro sería o que menos explotou o pick and roll. A pasada tempada, con todo, foi unha excepción, para aproveitar as cualidades de Deixan Kravic.

Ás veces as variantes toman corpo sobre a marcha, en función da evolución do equipo. Matt Thomas non chegou para ser referente, pero abondaron os primeiros adestramentos para que o cadro técnico decidise fabricar accións a fin de aproveitar a boa man do americano.

Noutras ocasións mandan as circunstancias. As lesións da pasada campaña obrigaron aos adestradores a probar con Daum na demarcación de tres. É unha variante que xa se incorporou ao libro do equipo e que volverá estar presente esta tempada.