Rubén Vieira: «Unha pretemporada sen precedentes»

Manuel García Reigosa
M. G. Reigosa SANTIAGO

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

O preparador físico do Obradoiro afronta o reto de minimizar as consecuencias do confinamento e varios meses sen competir

03 jun 2020 . Actualizado ás 21:00 h.

A tempada acabouse hai varias semanas para o Monbus Obradoiro pero o traballo físico, coas limitacións propias da situación excepcional que propiciou o covid-19, non se detén. O responsable da parcela, Rubén Vieira, manéxase nesa dobre dirección, tratando de minimizar consecuencias no curto prazo e de ir sentando as bases para o novo curso. E o peor inimigo ao que ten que fai fronte é «a incerteza», o non saber cales serán as restricións que haberá que sortear en cada momento.

Está en contacto con todos os xogadores. A maioría optaron xa por volver a casa. E os escenarios nos que se manexan son distintos. Pon o exemplo de «Laurynas Beliauskas, Nick Spires e Chris Czerapowicz, que poden ir ao pavillón e facer xestos técnicos. En Lituania e Suecia está permitido». Son a excepción nun grupo de catorce, dos que varios non estarán a tempada próxima en Sar. Só Beliauskas, Czerapowicz e Álvaro Muñoz teñen asinado o seu contrato para o curso vindeiro.

Á marxe do número de renovacións que se poidan concretar e as caras novas que se incorporen, o confinamento é unha realidade á que escaparon moi poucos países. E vai influír no futuro. «Agárdanos unha pretemporada sen precedentes», advirte Vieira.

Inevitablemente, o illamento domiciliario e o feito de que aínda non se poidan utilizar as instalacións deportivas vai pasar factura: «O estado de forma, e agora sabendo que non imos competir, reséntese. É inevitable. Vaise perdendo. Hai moito traballo de forza que, máis ou menos, púidose realizar. Pero os xestos de tiro e de pase, as aceleracións, as freadas... En casa todo iso é imposible. Haberá que ir aos poucos».

Un parón moi longo

A estas limitacións engádese que a competición regular se suspendeu a principios de marzo. Non se sabe aínda se haberá liguiña entre os doce primeiros para decidir o campión. Nin sequera se a nova tempada poderá empezar con público nos pavillóns.

Darryl Middleton, que tiña un físico privilexiado e xogou ata os 48 anos (na ACB ata os 45), dicía nas súas últimas campañas que só paraba por vacacións oito días porque, pola contra, xa non podería volver arrincar. Moitos xogadores encararán a pretemporada tras seis meses sen competir e sen poder exercitarse con normalidade. «Adoitan chegar cun nivel físico e técnico moi alto —subliña Rubén Vieira—, porque adestran pola súa conta. Ademais, sempre lles damos algunhas pautas. Esta vez haberá que facer cambios, ser moi progresivos nas cargas».

Os xogadores tamén reciben recomendacións dietéticas: «Cada un é distinto. Hainos con máis tendencia a engordar, se saen dunha lesión o contexto cambia... En xeral saben que o seu traballo depende do seu estado físico e cóidanse». De feito, nos controis de pesada aos que se someten periodicamente non se detectaron sustos.

Rubén Vieira ten unha vantaxe respecto de colegas de equipos que aínda conservan opcións de renovar a competición. Apenas disporán dunhas semanas para afinar a posta a piques de cara a un esprint final con moitos partidos e poucos descansos. Ese é outro escenario sen precedentes, e máis estresante.