O partido escapouse preto do aro

Fran Camba O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

erredehierro

09 feb 2020 . Actualizado ás 22:23 h.

O Obra completou o tramo de competición pre Copa cun fantástico 43 % de vitorias, moi por amais do 33 % que asegura a permanencia. Un logro sobresaliente na liga máis igualada dos últimos anos, co límite do play off en máis do 50 % de vitorias e 8 equipos nunha marxe de 3 triunfos. O novo Baskonia de Ivanovic aposta por un ritmo de xogo moito máis lento e por ir eliminando lanzamentos de 3 nas súas opcións ofensivas en favor dos lanzamentos de 2 para aproveitar a superioridade física dos seus interiores. Aínda non foi capaz de arranxar o factor defensivo, os de Vitoria pasaron de ser a mellor defensa da liga a pasada tempada a situarse entre os 3 peores equipos este ano. Vén sendo unha constante repetida por Moncho antes de cada partido, as perdas e o rebote, máis aínda se en fronte tes ao equipo que mellor rebotea ofensivo en Liga Endesa e en Euroliga, e ao Obra escapóuselle o partido precisamente por aí, preto do seu aro. Ata 52 dos 83 puntos dos baskonistas chegaron desde a pintura en 40 lanzamentos, uns rexistros case imposibles de contrarrestar. Se engadimos que a metade dos rebotes no aro do Obra foron para Baskonia, as opcións de triunfo son insignificantes a non ser que se repetise a magnífica actuación desde o triplo ofrecida contra Valencia e Manresa, algo que non sucedeu.