A batalla dos triplos

Fran Camba O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

11 ene 2020 . Actualizado ás 23:01 h.

Citáronse en Sar os dous equipos da Liga Endesa que dedican unha porcentaxe máis alta das súas posesións a lanzar de tres, toda unha declaración de intencións para o que se podería ver durante o partido.

Non hai este ano unha combinación de bases e escoltas que acumulen o consumo e a eficiencia lanzando de tres como a de Burgos, un equipo dun potencial ofensivo excepcional, moi por amais da media da competición e moi por amais das oito vitorias coas que se presentaron en Santiago. Por iso o partido ía moito máis de meter que de encaixar.

Pensar que Burgos puidese render por baixo de 1,09 puntos por posesión antollábase utópico. Só sucedera en tres partidos esta tempada, e esta circunstancia obrigaba ao Obra a estar especialmente acertado en ataque para acadar, como mínimo, esa cifra, e o camiño máis rápido sempre é acertar desde o triplo e non perder posesións. Os locais fixeron case todo ben en defensa, pero os poucos erros traducíronse nun exceso de puntos para os de Burgos. O Obra logrou levar un volume moi alto de lanzamento dos rivais ao tiro de dous, e logrou que rendesen moi por baixo da súa media esta tempada, pero pagou alto os erros no rebote defensivo. Ata cinco triplos dos visitantes chegaron de segundas opcións, unha cantidade de puntos elevadísima para un partido xogado a menos de 80 puntos. Se a isto unimos o balance final ofensivo do Obra desde o triplo, a posibilidade de gañar queda reducida case ao mínimo.

Péchase a primeira volta cun balance por amais do necesario para o obxectivo final do Obra con sete das doce vitorias necesarias para a permanencia.