«Pero se é o noso Moncho»

Manuel García Reigosa
M. G. Reigosa O PERISCOPIO

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

11 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Moncho Fernández leva 288 partidos á fronte do Obradoiro na ACB, aos que se suman outros once co Murcia. Esta tarde acadará os 300 na máxima categoría. Está xa entre os trinta que máis encontros dirixiron, a só catro de dar alcance a Velimir Perasovic e Miguel Ángel Martín, a seis de Mario Pesqueira e a doce de José Ignacio Uriarte. Dos actuais inquilinos de banco na Liga Endesa, só oito colegas están por diante no ránking: Pedro Martínez (869), Luis Casimiro (663), Txus Vidorreta (504), Dusko Ivanovic (498), Pablo Laso (488), Sito Alonso (321), Fotis Katsikaris (303) e Jaume Ponsarnau (300).

Os números son xa palabras maiores para o Alquimista de Pontepedriña, con valor engadido. Non é doado triunfar no equipo de casa, o mesmo co que gozaba desde a bancada no vello pavillón de Sar cando era neno. Aínda é máis complicado fajarse ano tras ano con rivais que, salvo rarísimas excepcións, dispoñen de máis medios económicos. Aínda é máis difícil comprobar ano tras ano que a ilusión segue intacta, que verse na tesitura de resetear cada verán non é un problema senón un estímulo. Tampouco é sinxelo continuar nunha andaina tan singular flanqueado polos mesmos axudantes, Víctor Pérez e Gonzalo Rodríguez. E hai outro mérito que non computan as estatísticas e que non é menor: ter boa parte de culpa en conseguir que a afección se siga ilusionando co que deron en chamar o título da permanencia.

Como el mesmo comentou nalgunha ocasión, unha das anécdotas que garda con máis cariño lembra un encontro casual cunha afeccionada, nun dos seus días libres. Cando un dos acompañantes quixo reconvenirla por temor a que «estivese dando a lata», a seguidora tranquilizouno: «Pero se é o noso Moncho». O mesmo que gozou da Cabalgata de Reyes como un compostelán máis.

Talvez sexa esoutro valor engadido, non sempre doado de calibrar. Segue sendo o mesmo alquimista, igual de próximo, vehemente e envorcado co Obradoiro, coma se as palabras desgaste e «crecidito», que diría Mourinho, non estivesen no dicionario.

Que veñan moitos máis.