Koke Rama: Apagamento no Martín Carpena

KOKE RAMA BALONCESTO

ANDAR MIUDIÑO

Carlos Guerrero -LOF

04 ene 2020 . Actualizado ás 21:35 h.

Un primeiro cuarto de máximo esplendor ofensivo derivou nun apagamento xeneralizado conforme foi avanzando o partido. Un total de 26 puntos no primeiro acto, 41 en total nos tres seguintes cuartos, para uns pírricos 67 puntos totais do conxunto compostelán.

Talvez sería máis xusto dicir que os primeiros vinte minutos non foron do todo malos. O desastre chegou nos últimos minutos do segundo cuarto, onde as perdas de balón e as faltas, nalgún momento absurdas, fixeron que o Unicaja Málaga se fose ao descanso coa primeira vantaxe ao seu favor desde o 4-0 iniciais.

A partir da saída dos vestiarios, o Obra diluíuse e mostrou a súa peor versión. O Unicaja apropiouse do partido e cunha boa defensa e rápidas transicións dinamitou o partido, para ir aos poucos ensanchando a diferenza.

A liña exterior seriamente minguada en canto a efectivos, e en consecuencia en anotación, encomendábase soamente a Czerapowicz e aos primeiros minutos de Font. Os bases tampouco tiveron o seu mellor día. Se todo iso o metemos na coctelera, pois sae este resultado final.

Todos sabemos que gañar no Martín Carpena non é nada doado, pero as formas son importantes. Ao final a relaxación fixo que o Unicaja Málaga se gustase con accións ofensivas repletas de calidade e espectáculo ao abrigo do seu público. Apagamento na liña de xogo que viñamos mantendo nas últimas semanas.

Todos agardamos e desexamos que a luz do ADN obradoirista volva aparecer no último encontro da primeira volta, o vindeiro sábado en Sar, ante un rival como o Burgos, que só leva unha vitoria máis que nós.

Mentres tanto, e citando a un famoso humorista malagueño, diría que «non pasa nada, unha mala tarde tena calquera».