Fairytale of New York

Miguel Gómez O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

28 dic 2019 . Actualizado ás 23:08 h.

Era Noiteboa, nena. No calabozo para os borrachos un vello díxome: non verei outra máis». Así empeza Fairytale of New York, a mellor canción de Nadal que se escribiu nunca. Unha parella irlandesa que chegara a Nova York cargada de soños cúlpanse o un ao outro do seu fracaso e decadencia. Unha historia afastada do Nadal Disney que entran por un oído e saen polo peto. Kirsty MacColl chama a Shane MacGowan vago, lixo e delincuente (por escoller os adxectivos máis suaves que lle dedica) e leste contraataca acusándoa de vella drogadicta. «Puidese ser alguén», di el. «Xa, como todo o mundo, responde ela con sarcasmo.

O Estudantes puido ser alguén, de feito foino. Agora está asfixiado pola débeda. O partido comezou dominado pola defensa de Pressey (0-7), a reacción, tamén desde a defensa, do Obra (8-7) e os uns contra un de Kravic, Brodziansky e Avramovic (16-16). Gústame o cheiro a prórroga polas mañás.

As defensas eran cada vez máis duras e tampouco se pode dicir que os tiradores tivesen un bo día. O Estudantes dominaba o rebote pero estaba enfrontado co aro (un 28 % en tiro de campo ao descanso, un 31 % ao final do partido) e o Obradoiro atopara a Vladimir Brodziansky (32-24).

O Estudantes seguiu fallando e, triplo a triplo, o Obra estirou o marcador (53-39 ao final do terceiro cuarto). Entón, ao principio do último cuarto, o Estudantes meteu tres triplos («teño unha boa sensación, nena»), baixou a diferenza a menos de dez puntos e pegouse un tiro no pé («bo nadal e unha merda, oxalá sexa a última contigo»). Soltouse Magee, gustouse Kravic, o coro da Policía de Nova York cantaba «Galway Bay» e repicaron as campás en Nadal.