O Obra presta atención a tres avarías

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

O control do rebote, as perdas de balón e os tiros libres son os tres grandes cabalos de batalla

07 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Monbus Obradoiro ten claramente detectadas as súas feridas, con tres traxectorias ás que presta especial atención semana a semana nos adestramentos. Visa e revisa cada partido disputado para diseccionar as estatísticas e interpretalas dentro do seu contexto. Non son o mesmo tres perdas de balón por esgotar o tempo de posesión para o saque, porque o rival está obrigado a atacar contra unha defensa organizada, que tres balóns entregados ao adversario por unha mala execución dun pase que se acaban convertendo nunha bandexa. O dano está máis na penalización que nas circunstancias do xogo que os propician. E o habitual é que a maior número de concesións maior sexa tamén o volume de puntos encaixados.

Unha das gretas, sobre a que máis se está falando, é a dos rebotes que se lle escapan ao equipo debaixo do seu aro. Tomando como referencia o partido de Valencia, Maxime de Zeeuw comentaba esta mesma semana que cando un rival de nivel Euroliga colle quince rexeites en ataque é moi difícil.

Moncho Fernández pronunciábase na mesma liña, pondo o acento no que custaron «as segundas opcións. Case 20 puntos é demasiado lastre».

Os catro partidos gañados ata a data coinciden cos catro nos que o Obradoiro controlou mellor o rebote debaixo do seu aro: O Bilbao colleu 12 rexeites, pero en 50 minutos; o Murcia, 10 en 45 minutos; o Manresa quedou en seis e o Andorra en dez. Nos sete encontros que acabaron en derrota, os adversarios fixéronse con entre doce e vinte rexeites ofensivos.

Nacho Martín apuntaba esta mesma semana nunha entrevista na canle de televisión do Betis que as tres vitorias verdibrancas esta campaña correspóndense cos tres encontros nos que o equipo capturou máis rebotes que o seu opoñente.

A segunda das avarías apunta ás perdas de balón. Os catro triunfos remiten aos catro partidos nos que o Monbus Obradoiro foi mellor nese flanco: 8 contra 18 ante o Bilbao, 5 contra 12 en Murcia, 10 contra 17 en Manresa e 11 fronte a 13 ante o Andorra. Nas sete derrotas o colectivo de Moncho Fernández incorreu en máis perdas de balón que o rival.

A terceira fronte é o dos tiros libres, o máis indescifrable nunha dobre dirección, a do acerto e a da desproporción no número de veces que os dous contendentes se van á liña de 4,60.

O Obra alternou días case perfectos, como sucedeu ante o Bilbao, cando converteu 28 de 30 lanzamentos desde a liña de persoal, ou a pasada xornada, con 13 de 14. Ante o Baskonia, en cambio, quedou en 5 de 10 e contra o Real Madrid en 8 de 15.

Só tres veces dispuxo de máis tiros que o seu adversario: 20 fronte a 15 en Murcia, 21 contra 12 en Zaragoza e 27 por 25 do Joventut en Badalona. E desas tres contendas gañou unha.

En Sar aínda non se deu un só partido no que o Obradoiro sacase vantaxe nos tiros libres. Só houbo equilibrio ante o Bilbao, con trinta por cada lado. O Barcelona tivo 35, por 14 os locais; na visita do Real Madrid foron 19 e 15; na do Baskonia, 23 e 10; e na do Andorra, 15 e 6.

Moncho Fernández non adoita falar das arbitraxes. No demais, e a tenor da reflexión coa que acabou a rolda de prensa previa ao partido ante o Betis, ten claras as variables que poden conducir á vitoria: «Mellorar o rebote defensivo, reducir perdas e saber explotar as nosas virtudes».