Rebote e perdas de balón

Fran Camba O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

xoan a. adoitar

24 novs 2019 . Actualizado ás 01:28 h.

O Obra recibiu onte á noite en Sar a un equipo con marca positiva de vitorias tanto en Liga Endesa como en competición europea, algo que antes desta xornada só podían asinar Madrid, Barcelona e Tenerife, un claro indicativo do potencial andorrano.

Sen un ritmo claro ao que expor o partido, xa que Andorra saíu vitorioso en encontros a máis de 80 posesións e tamén por baixo de 67, o Obra necesitaba centrarse, máis que nunca, en manter unha taxa de posesións perdidas moi baixa. Os do principado chegaban a Santiago como o mellor equipo da ACB castigando as perdas do rival, polo que era fundamental pechar esa vía de anotación.

Liquidados os problemas no rebote defensivo nas últimas xornadas, sobre todo no partido de Manresa cuns rexistros de capturas espectaculares, a outra clave do partido pasaba por ser capaces de suxeitar a produción desde o triplo do cuarteto Hannah, Jelinek, Massenat e Todorovic, se é posible cun rendemento combinado inferior a 1,10 puntos por tiro. Complementar este parámetro con menos do 20 % dos puntos encaixados tras perda practicamente podía considerarse sinónimo de vitoria para o Obra.

A vitoria quedou en Santiago porque a defensa do triplo volveu ser extraordinaria, por quinta vez na tempada o Obra encaixou menos de 6 e logrou equilibrar a batalla do rebote e tamén a anotación tras perda para converter eses 75 puntos na cuarta alegría.