Bouras

Miguel Gómez O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

24 novs 2019 . Actualizado ás 01:33 h.

Todos os outonos me acatarrro e, cada catarro, a avoa Margot rosma: Bouras? Ao médico. Nunca vou. Pero o ano pasado pillei unha pneumonía. Ves? -dixo a avoa Margot-. Ves? -apoiouna a miña muller-. Perder contra Madrid, Barça ou Baskonia non deixan de ser catarros otoñales, pero as avoas Margot da bancada rosman: Bouras? Ao médico. Algunha tempada pode acabar o catarro en pneumonía. Vedes? -dirán uns-. Era visto -apoiaranlles os outros-.

Sete séculos de acordos entre nobreza e clero para manterse como estado soberano. Sen chamar a atención, pobres pero honrados. Sete séculos sobrevivindo ata que, tras a Segunda Guerra Mundial, decidiron que era o seu momento. Neve e bancos, o soño de cidadáns de clase alta. Bo salario e poucos impostos, o soño dos xogadores de clase media alta.

Tras o 3-0 iniciais, malas noticias. A dura defensa de Andorra mataba a circulación de balón do Obra e Hanna dominaba o partido. Tempo morto de Moncho. Calloway deu aire ao equipo e a Magee. Erros infantís no segundo cuarto deron outra vez 10 puntos de vantaxe a Andorra e outra vez o Obra recuperouse da man de «unha estraña parella» interior Spires e De Zeeuw.

A segunda parte foi a do coprincipado parlamentario, gobernada ao tempo polo primeiro ministro do esforzo en defensa e o bispo da precipitación en ataque. O Obra ameazando ir e non chegar, Andorra irse e non marchar; os golpes de Tyson, os triplos do Obra. Gústame o cheiro a prórroga pola mañá, cheira a vitoria.