Só Cook supera os rexistros de Pepe Pozas ante o Manresa

LA VOZ SANTIAGO

ANDAR MIUDIÑO

MANEL MAIS LOF

19 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os máis destacados da novena xornada da Liga Endesa foron Earl Clark (en valoración), Tornike Shengelia (en puntos), Ondrej Balvin (en rebotes), Walter Tavares (en tapóns) e Omar Cook (en asistencias). Neste último apartado, ao mellor pasador das dúas últimas tempadas abondáronlle 9 xornadas para asentarse no liderado desta clasificación estatística, cunha gran vantaxe sobre os seus perseguidores. Esta fin de semana, o base do Herbalife Gran Canaria repartiu 9 pases de canastra para xerar 21 puntos máis para o seu equipo. Por moi pouco, o base do Obradoiro, Pepe Pozas, non ocupou o primeiro lugar nesta sección. O xogador andaluz tamén asinou 9 asistencias, pero os 4 créditos de valoración do malagueño, fronte aos 11 do estadounidense, déixanlle fóra do quinteto.

Despois do bo papel do equipo compostelán na súa visita a Manresa, o colectivo que prepara Moncho Fernández agarda con impaciencia a chegada á capital galega do Andorra de Nacho Llovet, que antes de viaxar á caldeira de Sar terá que facer un alto na competición doméstica para disputar un partido europeo. Recibirá mañá no Principado a visita do Virtus de Bolonia. O Andorra achégase un pouco máis á Copa do Rey tras superar nun intenso duelo ao Unicaja Málaga (89-73).