Confianza e defensa

KOKE RAMA KOKE RAMA

ANDAR MIUDIÑO

MANEL MAIS LOF

16 novs 2019 . Actualizado ás 21:18 h.

Hai vitorias que valen o seu peso en ouro. A conseguida ante o Manresa é unha delas.

Enfrontábanse os dous pechacancelas da Liga Endesa, nun choque onde o perdedor podía saír moi tocado. Verse tan abaixo na clasificación adquire ás veces un compoñente psicolóxico difícil de levar.

Foi un partido de parciais avultados por parte dos dous equipos, onde o Obra levou a iniciativa durante os primeiros 12 minutos do encontro. Pero chegou a gran desconexión e tras un 21-34 atopámonos cun parcial de máis 21 para o Manresa, que lle permitiu colocarse a mediados do terceiro cuarto cun preocupante 56-48. Boa culpa deste parcial tívoa Ryan Toolson. Ninguén foi capaz de pararlle.

Cando parecía que o partido se puña costa arriba, apareceron dúas xogadores claves: Aleix Font e Maxime de Zeeuw. Frearon a sangría e provocaron un parcial favorable para os galegos de 6-20, para finalizar así o terceiro cuarto con 6 arriba para o Obradoiro.

No último cuarto, soubemos manter a concentración cun xogo colectivo digno de mención, axudados, iso si, por un Manresa demasiado errático no tiro exterior (5 de 26 triplos, cun 19 % de acerto) e con moitas perdas de balón (un total de 17).

Debemos destacar os 15 rebotes ofensivos e, sobre todo, a defensa da segunda parte. En Manresa viuse un equipo que realmente quixo defender.

Agora, vén o Andorra na seguinte xornada a Sar. Encadear dúas vitorias seguidas fará crecer a moral do colectivo obradoirista e a confianza do equipo.

Xa chove un pouco menos.