Buscando a regularidade

Tonecho Lorenzo A Tres BANDAS

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

14 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O baloncesto cambiou moito. Cada vez as anotacións son maiores. Hoxe, se che descoidas, ata o delegado méteche un triplo. E ao Obradoiro tocoulle enfrontarse nestas primeiras xornadas a varios dos equipos que máis anotan na Liga Endesa. Xuntáronse as dúas cousas, que non está fino atrás e que os rivais tiraron moito e ben.

Aínda así, está claro que necesita mellorar as súas prestacións defensivas porque os partidos que se van a tanteos tan longos son moi difíciles de sacar adiante. Fálase moito, xa que logo, da defensa. E hai aspectos que mellorar, indubidablemente. Pero, desde un punto de vista máis global, o debate pode virar cara á regularidade no xogo porque se están vendo altibaixos, fases dun bo baloncesto con outras nas que baixa moito o rendemento. Este cadro de persoal asinou tramos dun alto nivel. Un dos primeiros obxectivos debe ser o de buscar a regularidade, evitar eses saltos e esas desconexións das que é difícil volver.

Esta liga é moi longa, o nivel subiu moito e nunca debemos esquecer que o Obradoiro é un club de sufrimento, que sabe apertar os dentes para tirar cara adiante. Sen perder de vista esa perspectiva, todas as análises, empezando polos do propio equipo, coinciden en que é preciso subir o nivel da defensa, tanto no rebote como á hora de controlar as situacións dun contra un. E tamén coinciden en que hai capacidade de mellora.