Koke Rama: «Tranquilidade e bos alimentos»

KOKE RAMA

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

10 novs 2019 . Actualizado ás 18:28 h.

Chegaba a Sar o Baskonia, un equipo de nivel, que xoga a Euroliga desde hai moitos anos, case sempre entre os catro primeiros postos da Liga Endesa. E digo isto inicialmente para que todos nos poñamos en contexto. Gañar a este tipo de equipos sempre require unha dose de acerto e de minimizar erros bastante importantes.

Iso non sucedeu neste chuvioso domingo electoral, onde a candidatura do Obra quixo pero non puido ante un rival que sempre dominou o tempo do partido cun Shengelia estelar, con 29 puntos e 32 créditos de valoración, que lle converteron en MVP do partido.

A batalla do rebote perdeuse como era previsible, pero as perdas de balón en momentos puntuais lastraron a un equipo que competiu por refachos. A defensa segue sendo a materia pendente. Este equipo pode e debe defender máis e mellor.

Momento clave foi o 48-49, despois dunha saída espectacular do Obra no terceiro cuarto. Un parcial de 0-11 en pouco máis de dous minutos do Baskonia, tras un tempo morto de Perasovic, con técnica a Moncho Fernández polo medio, protestando polo nivel de contactos do Baskonia, rematou por decantar un partido que no último acto foi un mero trámite.

Tocounos un calendario difícil nestas oito primeiras xornadas, pero non nos debe afastar do obxectivo de competir mellor cada partido.

O Obradoiro viaxa a Manresa na seguinte xornada, nun partido que a priori se pode gañar, obxectivo que se necesita para dar un empuxón anímico importante para afrontar os compromisos posteriores.

A idea como sempre é ter a paciencia necesaria para construír aos poucos un equipo que saiba competir en calquera cancha. «Keep Calm and Carry On» (en castelán, mantén a calma e segue adiante).