A voz aínda máis alta

Miguel Gómez O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

Sara Gordon

03 novs 2019 . Actualizado ás 21:00 h.

Non é habitual comezar unha columna deportiva pedindo desculpas pero, veciños de Santiago, como guía espiritual voso que son, débovos unha explicación e esa explicación que vos debo vóuvola a pagar.

Fai un par de semanas díxenvos que iniciaba un novo camiño para a prensa deportiva. Estaba equivocado, nin sequera Ailes foi o primeiro. A primeira emisión da Fox News, que estivo a piques de chamarse A Verdade de América, foi en outubro de 1996; A Verdade de Murcia publicou o seu primeiro número en marzo de 1903. E non se limita ao xornalismo, é algo innato: chamaron mar, Menor, iso si, á albufera que baña a súa costa; inventáronse a lenda do cura Chirinos; buscaron avós galegos a Esteban Pérez; levan anos comercializando pementos de Padrón murcianos e, a semana pasada, culparon ao Instant Replay da derrota contra o Obradoiro. Ídolos. Pioneiros. En cambio o noso Apóstolo… Pero esa é outra historia.

Había moitas similitudes entre Obradoiro e Joventut. Os dous chegan con dúas vitorias, en liña ascendente e tras ter gañado fose a semana pasada; catros versátiles, un cinco puro, Muñoz e Ventura, Magee e Prepelic.

A clave? As roldas de prensa previas ao partido repítense cada semana. Moncho Fernández, acompañado polo Pai Karras, toma asento e, mentres soa Tubular Bells de fondo, disecciona o partido: «Como diciamos onte, necesitamos parar o ritmo de xogo do rival (cada semana o que toque), interésanos un partido con poucas posesións (Karras sorrí), traballar ben o un contra un defensivo, gañar a pelexa polo rebote e controlar as perdas de balón». Nas roldas de prensa post partido, súmase a estes factores o que adoita resultar determinante: o acerto.

Arrincou ben o Obradoiro pero foi unha miraxe. Ao descanso, o partido ía camiño das oitenta posesións por equipo que quería a Penya e non das setenta que pretendía o Obradoiro, a defensa do un contra foi nula e levabamos máis perdas de balón que puntos Magee e Brodziansky.

Sete puntos abaixo e moito por corrixir pero, como dixo Murphy, o que vai mal aínda pode ir peor. Nin atopamos posicións de tiro nin puntería (22 triplos intentados e un 22% de acerto cando nos moviamos por 31 intentos cun 37% de efectividade), Magee 0 de 4. A defensa do un contra un seguiu deixando moito que desexar, os xogadores da Penya parecían Ali en Kinshasa e anotaban baixo o noso aro con demasiada facilidade.

Aínda por riba, tiveron a mañá desde 6,75 e, cando non chegaban a un 29% tirando de 3, acabaron o partido cun 11 de 23 que cortou de raíz calquera miraxe de reacción que deron os puntos de Kravic e a intimidación de Brodziansky no último cuarto. Como dixo Pedro Sánchez, así non se pode.