O Obra apura a pretemporada e xa sente a tensión dos exames

Manuel García Reigosa
m. g. reigosa SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

Pepe Pozas subliña que o partido do domingo «xa é competición oficial»

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Monbus Obradoiro está na súa sexta semana de pretemporada, a dous día vista para disputar a final da Copa Galicia e a sete de abrir o lume na Liga Endesa ante o Barcelona en Sar. O capitán, Pepe Pozas, fai un balance satisfactorio respecto da evolución do equipo, porque «a xente é moi receptiva e está a traballar ben para asimilar todos os conceptos».

Subliña que non é momento para analizar os resultados cultivados ata a data. Outra cousa é o capítulo das sensacións, e nesa fronte insiste en que o Obradoiro se volve a significar por «as ganas de progresar».

Do que ten ganas, tanto el como os seus compañeiros, é de que «chegue o lume real». E explícase: «Está ben isto de facer moitas probas e moitos adestramentos, de ensaiar nos amigables. Pero non son o mesmo que preparar un partido de ACB. A tensión é distinta». Xa a senten.

O domingo chega a final da Copa Galicia, tamén a última oportunidade de facer probas antes de que arrinque a Liga Endesa. En todo caso, Pepe Pozas lembra que «é un partido oficial». Ten claro que non se trata dunha cita de trámite: «É o que nos transmitiron sempre, desde que cheguei. É importante para o club e para os xogadores. É un título que queremos, e máis despois de que se nos escapase o ano pasado». Non ten preferencia polo rival e móstrase convencido de que se verá un bo baloncesto o domingo na Raña.

Esta mesma semana David Navarro comentaba que ve un Obradoiro con máis solucións, con máis recursos. É unha opinión que comparte o capitán: «Cada ano témonos que reinventar. Chegou xente que é capaz de facer unha chea de cousas. Agora o que falta é axustalas ao que é o Obradoiro, conseguir que esas cualidades se despreguen en beneficio do equipo».

A adaptación das fichaxes

Tamén apuntaba Navarro que lle chamou a atención o particular xeito de tirar de Fletcher Magee. Neste sentido, Pozas apunta que «o tiro sempre é máis vistoso que coller tres rebotes ofensivos. E ademais súmaselle que as súas suspensións son moi rechamantes».

Resalta que todas as incorporacións están a facer un bo traballo: «Czerapowicz parece que leva tres anos connosco, aprende rapidísimo. Calloway entende moi ben o xogo. Álvaro Muñoz está a axustarse perfectamente. Deixan Kravic xa está dando un rendemento alto en pretemporada. No caso de Daum, a pesar de que é a súa primeira experiencia no baloncesto profesional, entende moi ben todo o que se lle pide».

Tras a Copa Galicia chegará a primeira semana da Liga Endesa con dous partidos en menos de 48 horas, o venres fronte ao Barcelona en Sar e o domingo 29 en Zaragoza. Pozas non lle dá demasiadas voltas a esta circunstancia, aínda que admite que trastorna algo o día a día: «É algo que sabemos desde hai tempo. Adáptasche, sabendo que será unha semana diferente».

Ve ao Barça como un dos aspirantes máis cualificados en todas as competicións, aínda que é da opinión de que «o gran favorito sempre debe ser o vixente campión».

O colectivo de Pesic será o que se viu o pasado sábado, pero coas incorporacións de Delaney e os mundialistas Claver, Oriola e Pau Ribas. Pozas fai unha reflexión respecto diso: «Víalos e levábache a pensar que lles faltaban catro xogadores, que onde os van meter. Está claro que o base arxentino non vai contar tanto. Pero para que entren tres tes que quitar outros tres. O Barça vai ser complicado, pero non hai nada que motive máis que xogar co Obradoiro contra estes equipos porque cho gañaches o ano anterior».