As singularidades de Fletcher Magee e Kravic

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

A mecanica de tiro do escolta e a condición de ambidiestro do pivote non pasan inadvertidas

18 sep 2019 . Actualizado ás 20:21 h.

Os dous xogadores que máis entraron polo ollo da afección no Trofeo Xacobeo, ante o Barça, foron Fletcher Magee e Deixan Kravic, porque asinaron os expedientes que se agarda deles, a tenor das súas cualidades. O escolta sobresaíu no tiro e o pivote no seu poderío preto dos aros.

Dos seis novos no equipo, son tamén os que máis chamaron a atención de David Navarro no primeiro mes de pretemporada. O que máis, o americano: «O que máis me sorprendeu é Fletcher, pola súa peculiar forma de tirar. Salta moito e pode lanzar desequilibrado. Impacta. En calquera caso, a todos os fichaxes se lles ve calidade e cousas especiais». No que se refire a Magee, pode falar con coñecemento de causa engadido, xa que a miúdo se emparellan nos adestramentos nas accións de cinco contra cinco, cada un nun bando.

De Deixan Kravic destaca «a capacidade que ten para moverse e pór o balón no chan, tendo en conta da súa altura. Véselle que non ten medo a botar». Deixou constancia diso no partido ante o Barça do sábado, axudando mesmo a subir o balón, de costa a costa.

Navarro tamén subliña que o pivote serbio «achegará experiencia, sobre todo polo seu coñecemento do xogo». E chama a atención sobre a súa condición de ambidiestro, capaz de apuntar ao aro coas dúas mans: «Sorprende . Non o coñecía moito. A primeira semana, cando o vin, parecía destro e tiraba coa esquerda. Para un pivote é moi importante, supón unha gran vantaxe en ataque porque pode buscar o aro por calquera lado».