Diego Ocampo: «Earl é un xogador proactivo»

ANDAR MIUDIÑO

LOF

Destaca tamén a capacidade de traballo e o compromiso do base

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Diego Ocampo, actual adestrador do Barça de LEB Prata, era axudante de Joan Praza en Sevilla cando Earl Calloway defendeu as cores do equipo andaluz. Coñéceo de primeira man.

Ao falar del empeza por resaltar o carácter: «Pasou moito tempo, pero é un xogador ao que lle teño moito aprecio persoal. É moi traballador, gozaba adestrando. Cando disputamos a final four da Eurocup, en Treviso, no 2011, tiña molestias nun ombro e nun pé. Quixo xogar e infiltrouse. Iso queda gravado. Despois tivo que estar catro meses parado. Pero demostra o compromiso co equipo».

Aquela campaña era a segunda que afrontaba en Sevilla. Entón era «un base moi rápido, moi vertical. Penetraba moi ben e a partir de aí xeraba moito. Tiña que mellorar o tiro de tres e a dirección, e son dúas facetas nas que foi crecendo co tempo. Lémbroo tamén como moi bo defensor. Tiña boa man para roubar».

Insiste en que «Earl é un xogador proactivo, dos que sabe arriscar para cortar un pase, facer unha finta e logo cortar para enganar ao rival, forzar faltas de ataque... Ten boas mans e intuición». E destaca outra faceta que non ten tanto que ver co xogo: «É un tío moi gracioso, moi afable. Gáñase a todo o mundo. Ter xente positiva é necesario para os equipos, e se ademais transmíteo, mellor. E creo que é aínda máis importante na posición de base. Liderar e transmitir ese ánimo é fundamental».