O Obra non quere vaivéns físicos

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

Rubén Vieira subliña que na Liga Endesa non hai marxe para picos de forma

20 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As pretemporadas de moita carga física, mesmo con carreiras campo a través, e de menos traballo con balón xa son excepcións, recordos do pasado. Os xogadores vanse de vacacións cun plan de adestramentos para non perder a forma e adoitan facerlle caso. No que se refire ao Monbus Obradoiro, así o certifica o responsable da parcela física, Rubén Vieira. Nas primeiras sesións aínda dá máis ordes el que os demais integrantes do cadro técnico, unha tendencia que se vai investindo co paso das xornadas.

Vieira confirma que «o concepto de pretemporada cambiou». E explícase: «Iso de cargar as pilas para que che cheguen ata febreiro ou marzo, non existe. Hai que ir semana a semana. Si que é verdade que acumulas máis carga, sobre todo a nivel físico e táctico. Hai que facilitarlle o máximo posible a tarefa ao adestrador».

Si recoñece, no entanto, que os primeiros días son os máis duros: «O tipo de traballo que facemos agora non o fan no verán. É un traballo que acumulamos. Eles, a nivel de pernas e mental, nótano». E iso a pesar de que todos fixeron os deberes nas súas vacacións.

Dos novos, chama especialmente a atención Deixan Kravic. «A nivel muscular é un tío con bo tamaño -comenta Rubén Vieira- e agora o que temos que conseguir é que esa forza a utilice na pista. Tennos que dar moita presenza física».

Boa parte dos adestramentos é común a todos os xogadores. Pero tamén hai marxe para a preparación específica de cada un, en función de varios parámetros: «Hai xente con máis anos, coa que hai que facer un tipo de traballo. Temos xente nova, coa que hai que realizar un traballo importante a nivel de volume. Nada diferente ao feito ata agora».

Maxime de Zeeuw

Nese contexto, un dos xogadores que require máis atención é Maxime de Zeeuw, polas lesións que arrastrou a pasada tempada. O pivote belga non parou no verán e confía en reencontrar o seu mellor nivel.

Rubén Vieira apunta que durante as vacacións estivo en contacto directo co xogador e cos seus preparadores e os seus fisios. E non só iso: «Estiven tres días con eles en Bruxelas e a verdade é que Max puxo todo da súa parte. Tanto el como o club. Chegou en boas condicións. Agora temos que ir cumprindo obxectivos. Estamos na segunda semana».

De momento, nesta fase inicial da pretemporada ten «un traballo máis progresivo que o resto e os resultados son bos. Hai que ir paso a paso. Agora vai entrar noutro microciclo, noutra semana con obxectivos diferentes».

No plano colectivo, o obxectivo é tratar de atopar un rendemento alto e continuado ao longo de toda a tempada, sen sobresaltos: «Hai que ter moito coidado con buscar picos de forma en determinados momentos porque a Liga Endesa ao final é moi esixente. Todas as semanas tes un exame moi esixente. Queremos estar o 27 de setembro no mellor estado posible. E, a partir de aí, cada semana o mesmo, buscar o mellor estado posible». Non hai unha planificación en función do calendario e os rivais de quenda.

O feito de arrincar con dous partidos en menos de 48 horas, o 27 en Sar fronte ao Barcelona e o 29 en Zaragoza, vai condicionar «o traballo desa semana». Tocará «facer algo diferente porque empezaremos cun esforzo grandísimo, ao día seguinte unha viaxe que non é dos máis cómodos, e un partido o domingo ás 17 horas. Serán dous grandes esforzos moi seguidos».