Moncho Fernández: «Pasen e vexan, ese sería o meu titular»

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

O Alquimista de Pontepedriña dá as primeiras pinceladas do proxecto para a nova tempada

15 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O cabelo é un pouco máis gris que no verán do 2009. O flequillo, algo menos espeso. Pero o empurre de Moncho Fernández no Obradoiro mantén a aceleración de sempre.

-A confección de equipo que tiña in mente a 1 de xuño variou moito o día 30? Dígoo pola marcha de Llovet e de Obst.

-A de Andy foi máis sorpresa. A de Nacho agardabámola ao acabar a tempada. Comunicouno con tempo, aínda que se oficializó máis tarde. Para o de Andy quedaban un ou dous días para que a súa cláusula expirase. En todo caso, o 1 de xuño non estaba a pensar en que equipo iamos ter a seguinte tempada. Como sempre, era o momento de avaliar aquilo que fixemos ben e mal, ver que podiamos mellorar.

-Eran dous xogadores chamados a ter peso específico no novo Obra. A súa marcha supuxo unha avaría importante?

-Nós non nos colocamos nun só escenario posible. O escenario vén marcado por mil factores. Ao longo dos veráns as circunstancias cambian moito. O que si é certo é que todos os xogadores que viñeron son xogadores aos que aspirabamos. Facíanos moita ilusión que viñesen e creo que temos o equipo que queriamos.

-Nese escenario, entendo que a espera por Kravic non foi doado. Un cinco, dos que hai poucos, e dos últimos en chegar. De non ter callado...

-A espera mereceu a pena. Outros anos, esperas e, ao final, se cadra non se concreta. A construción dos equipos é algo do que aprendes unha chea de cousas para a vida: ter paciencia, aproveitar a túa oportunidade, saber agardar... É un mundo. Ao longo de todos estes anos, nos que tiven a sorte de traballar primeiro ao lado de Chete e agora de Jose, véxoo como unha arte.

-Unha arte complicada

-Moitas veces falamos de sacar coellos da chistera, e non é exactamente así porque non hai truco. Detrás hai moitas horas de traballo.

-Falaba de análise ao acabar a tempada. Cales foron as conclusións? En que viron que hai que mellorar?

-Mellorar na intimidación, se falamos desde o punto de vista defensivo, aínda que lembro unha vez máis que defensa e ataque van da man. Ese era un aspecto que entendiamos que había que mellorar.

-Algún máis?

-Tamén lle digo que fixemos moitas cousas ben, situacións de ataque e defensa na primeira volta que estiveron moi ben. En relación coa anterior campaña, sabemos que temos que mellorar no rebote. É algo no que melloramos na segunda volta, pero fomos os peores da Liga nesa faceta. Curiosamente, hai análise que non teñen unha explicación moi técnica. Fomos o mellor equipo nos tiros libres durante veintipico xornadas e os peores nas últimas nove. É difícil de explicar.

-Fala de rebote e de intimidación. Por iso é polo que haxa máis físico e máis centímetros neste proxecto?

-Nalgún posto gañamos experiencia e nalgún perdémola. Nacho, a pesar da súa mocidade, era un xogador súper experto, moi sabio. Kravic tamén o é. E experto, con moitas batallas amais . Agardo que tamén sexa un bo ano para Maxime, polo esforzo que fixo durante todo o verán. Para el non houbo vacacións. Iso, unido á continuidade de Nick e de Vlado, lévanos a un equipo diferente ao do ano pasado.

-É pronto para falar de que Obradoiro verase. En todo caso, en que vai ser distinto?

-Terá cousas doutros Obradoiros e terá as súas particularidades. O que o fará distinto será o que acheguen os novos que viñeron, mesturados cos que seguen. Hai unha idea filosófica, cousas que sempre van estar no noso básquet, que nos gustan.

-O tiro de tres xa é un dogma?

-É un dogma no baloncesto. Máis que un dogma, unha necesidade. Un xogador de perímetro que non tire teno complicado para estar ao máximo nivel.

-Moitos bloqueos indirectos, moitos pases...

-A colectividade no xogo seguro que permanece. E as cousas que funcionan deben evolucionar pero non cambiar. Cada un ten a súa filosofía. É difícil imaxinar a Gala escribindo frases curtas con poucos cualificativos.

-Había o mantra dos partidos a setenta puntos. O ano pasado foron excepción. A defensa volverá ser un refuxio cando falte o acerto?

-Sempre debe ser un refuxio. De novo, recordo que defensa e ataque van da man. Agora o dos partidos a setenta puntos é difícil porque os equipos aumentaron moito o seu ritmo de posesións. Lembro outra máxima: temos que ser bos naquelas cousas que non teñen que ver co talento, bos no rebote, no un contra un... É sempre unha aspiración como equipo.

-O novo Obra será máis versátil?

-Hai moitos xogadores polivalentes. Iso dáche unha maior posibilidade de combinar estratexias, tácticas etcétera. Temos unha idea clara de que queremos e por onde imos ir. Pero para un resultado final ben pulido e engraxado, por moito que coñezas aos xogadores a través dos vídeos e os informes, ata que non adestras non o sabes. E non sabes como mesturan uns con outros.

-Non lembro quen acuñou aquilo do catro e medio que tanto lle gusta a Moncho. Nese flanco parece servido.

-Teño xogadores polivalentes. Kravic é un cinco cinco. Os demais teñen a dobre capacidade de postear e xogar aberto, caso de Maxime, Vlado e Mike. E Nick ten o xogo por amais do aro, esas situacións de pick and roll e xogo de media pista. A min gústanme os xogadores polivalentes.

-Se lle dese a oportunidade de pór o titular, cal suxíreme?

-Cústame... Non sabería... Antes falaba do coello e a chistera. quedou con isto: pasen e vexan, ese sería o meu titular.

-E que pregunta non lle fixen e talvez agardaba?

-Talvez como vexo ao Obradoiro no contexto da Liga Endesa.

-Pois aproveite e respóndase.

-Creo que estamos a asistir a unha Liga Endesa que está a crecer. Os proxectos están a crecer por arriba moitísimo. Cada vez ponse máis complicada porque aumenta o nivel de competencia. E digo isto para pór en valor o que é o Obradoiro e onde está. O Barcelona vai vir a xogar un amigable, pero aos catorce días virá xogar un partido oficial.