Capitán Pepiño

Manuel García Reigosa
M. G. Reigosa O PERISCOPIO

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

30 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

É o capitán do Obradoiro. En Compostela é máis que picheleiro bocarte, máis Pepiño que Pepe. No Obra leva 159 partidos en ACB, o segundo xogador que máis veces vestiu esa camiseta na máxima categoría. Só lle supera Corbacho, con 164. É tamén o que máis asistencias repartiu. Podería ser capitán por estatísticas. Pero o é por predicamento, por ascendiente, porque sempre vela pola boa marcha do grupo.

Hai detalles que non aparecen en ningunha estatística, que non teñen que ver coas posesións, os puntos ou as asistencias, pero que tamén suman. Non había máis que velo o venres na reunión de antigos xogadores do club. Aproveitou que aínda está en Santiago para sumarse ao grupo e compartir a xornada con quen vestiron a súa mesma camiseta fai dez, vinte, trinta e corenta anos. É un xeito máis de empaparse de todo o que rodea á entidade.

Non habería máis que lembrar outro episodio desta tempada, cando acompañou ao base do filial, Rafa García, a facer un exame á Coruña días despois de que se lesionase gravemente o xeonllo, porque non podía desprazarse polos seus medios.

Non hai máis que velo reivindicando o bo facer do seu compañeiro de posición Albert Sàbat ou asumindo a realidade na que se move o Obradoiro, obrigado cada verán a «pescar en río revolto» e facer de cada fichaxe un exercicio de paciencia.

Así é o capitán Pepiño, un tipo discreto que non necesita alzar a voz para facerse oír.