Branca Millán: «Unha afección como a do Obra é do mellor que pode ter un club»

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

A compostelá encara o seu último ano na NCAA e mantén moi vivo o soño da WNBA

13 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Branca Millán creceu no Peleteiro, escolleu a Universidade de Maine para seguir compaxinando estudos e deporte e no prazo dun ano estará na antesala do salto ao baloncesto profesional. Queda unha tempada na NCAA e vén de asinar o seu mellor ano. As Black Bears de Maine lograron o anel da Conferencia Este e por segunda campaña consecutiva visaron o pasaporte para o Mach Madness. Ademais, foi elixida como a xogadora máis valorada e a mellor defensora. As estatísticas non se lle soben á cabeza. Non hai máis que ver como fala da súa traxectoria, do reencontro co Campus Peleteiro ou do cariño que profesa ao Obradoiro.

-O balance da terceira tempada na NCAA é dificilmente mellorable.

-Si, foi moi bo, tanto individual como colectivamente. Individualmente mellorei un pouco en moitos aspectos. A nivel colectivo, é difícil gañar dous campionatos de conferencia seguidos e conseguímolo. A pena foi non pasar de rolda no March Madness.

-Tampouco lles acompañou a fortuna no sorteo.

-Aí non tivemos nada de sorte.

-Clasificarse para o March Madness volve ser o obxectivo?

-Si, aínda que non é doado logarlo tres veces seguidas. Temos sorte, porque doce xogadoras seguimos sendo as mesmas. Haberá só tres novas. Pero perdemos a dúas das mellores, porque acabaron a súa etapa universitaria, Tanesha Sutton (pivote) e Parise Rossignol (aleiro).

-Xa coñece ás novas?

-Só a unha delas, que xa estivo na xira de postemporada en Grecia. É moi atlética, aleiro grande, forte en defensa.

-Por certo, a vostede e a Tanesha non as deixaron respirar no partido do March Madness.

-Defendéronnos dúas das mellores. Unha delas a semana seguinte estaba a se presentar ao draft.

-Dá vertixe pensar que está ante o seu último curso universitario?

-Moita vertixe. Parece que acabo de chegar e acábase. Pero tamén teño ganas de xogar no ámbito profesional. Dá pena pechar unha etapa fantástica, pero ao mesmo tempo está o que poida traer o futuro.

-Co draft entre cella e cella?

-Ese é o obxectivo a final de tempada. Sei que é moi difícil, hai moitas xogadoras e de alto nivel. Vou intentar facelo aínda mellor, subir en todas as estatísticas.

-Se ten opción de entrar na WNBA descarta calquera alternativa?

-Aínda que sexa só por vivir a experiencia, por ver como funciona. Sin duda.

-Se non sae a WNBA apuntaría a Europa?

-Si, aínda que non teño moi claro o que.

-Visualiza o dorsal 22 e o nome de Branca Millán colgando do teito do pavillón de Maine?

-Non se se van retirar a miña camiseta, os xefes sempre me vacilan con iso.

-A próxima semana estará no Campus Peleteiro impartindo maxisterio, nas canchas nas que creceu. E non fai moito asistía a ese mesmo campus. Que sensacións envólvenlle?

-É unha mestura moi grande de emocións. Xoguei aí toda a vida. Se non fóra por Peleteiro probablemente non estaría agora onde estou, polo que aprendín no académico e no deportivo. Será moi especial.

-E a homenaxe que recibiu no Obradoiro-Barcelona?

-Foi incrible. Estar diante do equipo e de toda a cidade, ver o interese da xente en Sar foi unha experiencia incrible.

-Como se ve ao Obradoiro desde Maine?

-Malamente, porque non é doado seguir os partidos. A maioría das veces sígoo a través de Twitter, nalgunha páxina ou por teléfono coa miña familia. Ás veces ponme o face estafe para que poida ver algo dos partidos.

-Como percibe o club alguén que leva tres anos fóra?

-Unha das mellores cousas do Obra é a afección, que apoia sempre ao equipo. Cada tempada que pasa vese esa unión dentro e fóra da pista. É das mellores cousas que pode ter un club. Ademais, os xogadores son moi próximos e mátanse na pista. Esa conxunción está a dar moi bos resultados.

-A carreira vai igual de ben que o baloncesto?

-A verdade é que si, este curso mesmo ha ir un pouco mellor.

-Sorte no que estea por vir, e goce das vacacións.

-Grazas.