Moncho Fernández: «O primeiro ano en ACB foi máis duro»

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

O Alquimista de Pontepedriña pasa revista á súa novena campaña en Sar, unha das máis difíciles

05 jun 2019 . Actualizado ás 10:15 h.

Moncho Fernández suma no Obradoiro un ascenso, oito permanencias e unha infinidade de vivencias coa ilusión intacta.

-Esta foi a tempada de máis desgaste?

-Tería que dicir que si por ser a última pero, a fuer de ser sincero, talvez o primeiro ano en ACB foi máis duro.

-Cunha traxectoria inversa.

-Si. Pero desde o punto de vista persoal, a primeira foi moito máis complexa e tivemos que facer moitas machadas para conseguir a permanencia.

-O mellor Obra nas primeiras 21 xornadas e o peor das 13 últimas. Hai unha explicación para semellante contraste?

-É difícil responder. Os datos son innegables. Isto ocorreu así. Desde un punto ve vista baloncestístico habería que analizar partido por partido. Ocorreron cousas que che levan a pensar que que máis pode pasar. Habemos ir a xogar un encontro moi importante a Gipuzkoa e lesiónanse Simons e Singler pola mañá. No partido do Estudantes ver a Kostas fallar tres tiros libres consecutivos é algo que probablemente non se vai a repetir. É case imposible. Pasounos de todo. Contra Fuenlabrada, dos últimos seis tiros libres fallamos cinco, imos á prórroga e perdemos. A estatística di que a nosa porcentaxe do tiro de dous baixou enormemente e tamén a nosa porcentaxe no tiro de tres en dous xogadores moi importantes como Ben e Kostas. Dise que se é o Obradoiro que encaixou máis puntos, con todo as estatísticas de puntos recibidos por posesión indican que estamos en metade da táboa, na ACB máis anotadora. Esa é a tendencia do baloncesto. Buscar unha soa explicación é moi difícil.

­- Tras a vitoria ante o Breogán, a décima, foise para casa convencido de que a permanencia estaba case feita?

-Non, porque non fago esas reflexións. Igual que no refacho tan terrible que tivemos non me paro a darlles voltas a que pode pasar se... Céntrome no inmediato, en que podemos facer para gañar.

-Agora outro partido, no polo oposto. Con que corpo volveu a casa tras a derrota ante Fuenlabrada en Sar?

-Moi mal, pensando que que gran oportunidade perderamos. Reviseino moitas veces. As accións que metemos nos dous primeiros cuartos e permitíronnos coller a vantaxe que collemos (21 puntos), e a cantidade de tiros libres que fallamos nos últimos minutos xusto antes da prórroga foron definitivos. Funme moi frustrado. Xogaramos incrible os dous primeiros cuartos. Nos seguintes non xogamos mal, pero tivemos pouco acerto.

-Como viven todos estes vaivéns en casa?

-A miña familia é moi sabia nese aspecto. Cando entro pola porta fálase de todo menos de baloncesto. Imaxino que a procesión vai por dentro. O meu fillo, que xoga, e a miña muller sofren. A nena é máis pequena. Pero somos optimistas por natureza e sabemos que se hai a posibilidade de que vaia ben, vai ir ben. Non nos flagelamos, senón todo o contrario. Animámonos sabendo que as cousas poden ir ben.

-Pola rúa notou algunha diferenza no trato?

-Este mediodía fun ao ximnasio antes da hora habitual. Atopeime con xente coa que non coincido. Ao meu lado estaba un señor maior que eu. Ao acabar de facer os seus exercicios tocoume no ombro. Eu tiña os cascos. Quiteimos. E díxome «os galegos e os santiagueses estamos moi orgullosos de ti e do traballo que fas». Pasei de 150 revolucións a 270. Atopeime moita xente que me deu ánimos. E a que me reprochou algo foi con mensaxes do tipo «como nos fixestes sufrir este ano». Imaxino que haberá críticas, loxicamente, cando perdes este número de partidos. Pero os que se dirixiron a min sempre foi para animar.

-De verdade que non ojeaba a clasificación e os calendarios dos rivais directos?

-Non. Non me achega nada iso. É absurdo. Como vou pensar a ver se perde este ou aquel? Que fago ese día, deixo de adestrar?

-Non son cousas excluíntes.

-Non. O que hai que ver son os resultados ao acabar a xornada. Loxicamente, iso facíao. Pero o esforzo de ver que poden facer ou deixar de facer os demais... Dáme unha preguiza enorme. Sería facer algo que non me vai achegar nada, salvo desasosego. Teño que centrarme no que podo controlar.

-É pronto para falar do novo proxecto?

-Si. Estamos a mirar múltiples opcións que se poden abrir, como sempre facemos.

-Intentarán meter máis experiencia no xogo interior?

-Nacho e Maxime son dous xogadores moi expertos. Nick seguiu da tempada pasada. E chegaban dúas apostas, Vlado e Tryggvi. A formulación non foi moi diferente a outros anos.

-Acaba contrato Sàbat. Van buscar outra configuración nesa demarcación?

-Non estamos nese punto. Estamos aínda no proceso de análise.

«Parecerse a Woody Allen é fantástico, se alguén me fixo rir no cine é el»

En case unha década no Obra Moncho Fernández conserva a esencia no discurso e o día a día, pero vanse notando os cambios do paso do tempo.

-Di un amigo común que cada vez se parece máis a Woody Allen.

-O único que me amola diso é que Vicky Cristina Barcelona non hai quen a vexa. Fixo moi boas pelis ao principio. Parecerse a Woody Allen é fantástico, se alguén me fixo rir no cine é el. Aínda que as últimas non son tan boas como as primeiras. Non se se irá por aí o cabroncete.

-Creo que apuntaba máis ao parecido físico.

-As lentes... Teño máis pelo e toco bastante peor o clarinete.

-Unha pregunta que sempre lle fago. A ilusión segue sendo a do primeiro día?

-Cando digo o de que o baloncesto é a máis importante das cousas menos importantes, é certo. No momento que tes iso claro, todo é máis doado. Son unha persoa moi afortunada. Adestro ao equipo da miña casa, a xente quéreme. Tamén os haberá que me critiquen, con boa lóxica. Pero o que recibo é unha cantidade de cariño enorme. ¡Como non vou estar ilusionado! Páganme por facer o que máis me gusta. Estou superilusionado.

«A evolución da Liga Endesa e a NBA inclínase ao lado ofensivo»

O Baskonia, que acredita a mellor defensa da ACB, acaba de caer a ante a vocación anotadora do Zaragoza.

-O ataque pese cada vez máis no baloncesto?

-Sin duda, por unha sinxela razón. O ataque é acción e a defensa reacción. A evolución da Liga Endesa e a NBA estes anos inclínase ao lado ofensivo, a cantos puntos es capaz de meter por posesión. Onde tes máis capacidade de dicir é no ataque, porque es ti o que ten a posesión.

-Baixaron os dous equipos con peor porcentaxe no tiro de tres, tamén dos que menos se prodigaron na longa distancia. O triplo é cada vez máis determinante e condicionante?

-Si. Un 50 % de acerto para un tiro de dous é unha boa porcentaxe. Equivale a un punto por posesión. Un 33 % é unha porcentaxe normalito no triplo. Tamén supón un punto por posesión. Se tiras cun 37 %, xa é un como algo por posesión. Desde o punto de vista numérico xa compensa. Ademais, hai unha realidade que cambia o xogo: o tamaño da pista. É o mesmo de sempre, pero o tamaño dos xogadores e a velocidade á que percorren os espazos non é igual. Buscar unha vantaxe interior, un aclarado, é moi complexo. En cambio nos lanzamentos de longa distancia adoita haber máis espazo.

-O Obra é o segundo equipo que máis tirou de tres. Faltoulle buscar máis accións dun contra un?

-Eran as características dos nosos xogadores. E tivemos moitas accións dun contra un de costas, non de cara. Na primeira volta os nosos interiores tiñan unha porcentaxe altísima, por amais do 60 %. En cambio no último tramo de liga estivemos nun 33 %. Que é máis un contra un, xogar de costas ao aro ou buscalo de cara? Vlado, Nacho, Kyle buscaron moitas veces xogar de costas. E o noso penetradores eran David e Andy.