Para matarnos

Miguel Gómez O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

27 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O saben aquel que diu que, unha noite pechada, baixaba o autobús do Obra pola autovía do aeroporto cando, nun descoido do condutor, embistió un camión de transporte de gando. O primeiro en chegar foi un alemán de mediana idade. Parou na beiravía, avisou a urxencias, púxose o chaleco reflector, baixou do coche e, non sen antes sinalizar debidamente o accidente, dispúxose a realizar os primeiros auxilios. No seu intento por chegar ata o autobús, tropezouse cunha chea de porcos que agonizaban tras ter saído disparados do camión e sacou unha pistola do peto da súa chaqueta. A duras penas, con varias fracturas, os xogadores ían saíndo do autobús para ver como o alemán remataba de rematar ao último porco: Eu non poder ver sufrir animais. Parece mentira -dixo Pepe Pozas, cun forte golpe nun ollo e nunha perna- pero non nos pasou nada, non nos pasou nada.

O martes gañou o Madrid a Valencia e o mércores perdeu Joventut en Vitoria. Desde Estudantes, máis que noticias, chegaban partes de guerra. O mal de ollo que botara Harangody a Pozas parecía rematado e o equipo saíu a xogar contra o Barça con outra alegría: 11-2 de saída, 20-10 finalizando o primeiro cuarto. Incrementou o Barça a súa presión defensiva e, coincidindo co primeiro descanso que Moncho deu a Sàbat, o partido igualouse. Grazas ao acerto desde a liña de tres puntos (9 de 19), o Obra logrou irse ao vestiario aínda un punto arriba. Todo o contrario pasaba na pintura. Tres canastras (dúas penetracións de Singler e unha de Hlinason) de trece intentos e só tres tiros libres; problemas de faltas de De Zeeuw e Llovet lesionado. Non chegaban boas noticias desde Badalona (35-35 ao descanso) e si mellores desde Gipuzkoa (11 arriba o Madrid)

Rematamos caendo de maduros. A defensa do Barça fíxose cada vez máis asfixiante, domináronnos por completo o rebote (27 rebotes por 44) e, mentres a nosa puntería minguaba (4 de 16 triplos na segunda parte), crecía a de Hanga e Heurtel. O parcial de 11-22 do terceiro cuarto deixou ao Obra moi tocado e á bancada máis pendente da xornada virtual que do partido. A Estudiantes (73-69) e GBC (72-82) duroulles a gasolina ata o minuto 35, cando Joventut e Madrid deron o tirón definitivo. Aínda que a vantaxe do Barça íase ata os 20 puntos, a bancada xa celebraba a salvación. Parece mentira, pero non nos pasou nada, non nos pasou nada. Para matarnos.