O mesmo vestiario nas duras que nas maduras

La Voz

ANDAR MIUDIÑO

Garrei

24 may 2019 . Actualizado ás 20:08 h.

Nick Spires fala da boa relación no vestiario do Obradoiro, e non mente. Non hai máis que escoller calquera sesión de traballo, ao azar, para comprobalo, para ver que o colectivo non baixa os brazos, que segue empregándose coa mesma dedicación que no mes de febreiro, cando cultivou os seus mellores resultados.

Un exemplo pode ser o adestramento do mércores en Sar. A calquera que se achegou a presenciar a sesión non se lle escaparon detalles como o de Laksa celebrando unha gran canastra dun compañeiro desde a banda. É un xogador que apenas conta para o cadro técnico. De feito, só disputou nove minutos esta tempada. Pero é un máis á hora de sumar no grupo.

Á conclusión da sesión, varios xogadores quedaron durante uns minutos ensaiando tiros libres e lanzamentos a canastra desde distintas posicións. Os que máis, Singler e Hlinason. Ao propio tempo, Víctor Pérez examinaba no ordenador imaxes do último partido con Brodziansky e durante un intre sumouse Simons. Tras o pivote eslovaco chegou a quenda de Hlinason.

A única diferenza respecto de hai pouco máis de dous meses é a que dan os resultados. Cando acompañan é doado detectar a alegría. Cando se resisten é máis difícil atopar sorrisos. Pero a cohesión e o empeño son as mesmas, antes e agora.