Llovet: «A clave é non ter medo»

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

O xogador máis valorado do Obradoiro e o que suma máis partidos en ACB pon o foco no Barça

24 may 2019 . Actualizado ás 14:47 h.

Nacho Llovet é o xogador máis valorado do Monbus Obradoiro con case catorce créditos de media. É tamén o que suma máis partidos na ACB, 260, un máis que Kostas Vasileiadis. E é un dos capitáns do equipo. Atrás quedan 33 xornadas e a permanencia decidirase entre o conxunto santiagués e o Gipuzkoa Basket, que recibe ao Real Madrid. Pero tamén en Badalona, no caso de que os composteláns non gañen ao Barça e os donostiarras dobreguen ao colectivo de Pablo Laso. Nese caso, se o Joventut vence salvaríase o Obra. Se o que gaña é o Estudantes, salvaríase o GBC. A continuidade na Liga Endesa decídese en corenta minutos e en tres canchas.

O pivote ten claro como encarar a xornada: «O importante é centrarnos no noso traballo, porque depende de nós. Debemos pensar no noso partido e en acabar a tempada ben».

Cando se lle pregunta se chamou aos seus amigos do Joventut, por se veñen mal dadas en Sar, ou ao exobradoirista Yusta agora nas filas do Real Madrid, lembra que hai cousas en xogo nas tres canchas: «Cada equipo ten as súas motivacións. O Barça virá aquí en busca do liderado, en espera dunha picada dun Madrid que intentará gañar ao Gipuzkoa para asegurar ese primeiro posto. E o Joventut xógase o play off. Todo o mundo vai ir ao máximo, igual que nós».

A dinámica e a mente

Á hora de reflexionar sobre a cadea de derrotas nas últimas xornadas entran en escena a dinámica e a mente: «Houbo partidos nos que estás a xogar ben e escapáronse por moi pouquiño, por falta de acerto. Ao final, cando enlazas varios, empezas a fallar, a ter algún xogador tocado e acumúlanse as semanas, o aspecto psicolóxico é clave. Creo que foi, un pouquiño, o noso problema. Tivemos refachos de bos resultados, de facer un xogo moi bo, de gañar en canchas súper complicadas. E ao final, cando tivemos esta falta de confianza, pasounos o contrario».

No único que pensa é un final feliz: «A afección merécello todo, porque sempre estivo aí, por todos os que viaxaron a Madrid, que foi espectacular. Debémoslles deixarnos a pel e darlles a alegría dunha vitoria que sería incrible en casa».

Non será doado ante un rival que destaca pola súa ampla gama de recurso e polo seu poderío físico: «O Barça ten bases grandes, escoltas grandes, aleiros grandes e pivotes grandes. É un equipo moi físico e tamén moi técnico. Sabemos que nos van apertar moito, que vai haber que traballar para sacar cada pase e cada tiro. Cada tiro que teñamos, cun pouquiño de espazo, hai que tomalo con confianza, hai que bloquear, liberar aos compañeiros e xogar unidos. A clave é non ter medo, confiar no compañeiro e nas nosas habilidades. Igual que fixemos en Barcelona. Alí estivemos preto de gañar».

Insiste na confianza e no atrevemento como dous ingredientes craves para tratar de sorprender ao potente Barcelona e despedir a tempada cun bo resultado.