Un domingo para consentir

ANDAR MIUDIÑO

LOF

19 may 2019 . Actualizado ás 22:40 h.

Tempo haberá para analizar a tempada do Obradoiro, unha vez que baixe o pano dunha campaña na que o equipo encara a última xornada con opcións de permanencia, ante o poderoso Barça. Aínda que soe repetitivo, é meritorio cadrar un orzamento duns tres millóns de euros nun municipio que non chega aos 100.000 habitantes e sen dopaxe financeira das administracións públicas. Desde esa perspectiva, chegar con opcións á etapa final ten o seu valor. No deporte profesional, con todo, o diñeiro non o é todo. É moi importante, pero convén non descoidar o espírito e si consentilo. Nun curso redondo, a visita azulgrana sería unha cita para facer caixa. Visto o devir da competición nos dous últimos meses e o moito que se xoga o equipo, o primeiro obxectivo debe ser facer de Sar un fervedoiro obradoirista. Porque despois desta tempada virá outra e a saúde da entidade dependerá sempre de tres factores: a viabilidade económica, os resultados deportivos e o respaldo social. Os tres retroaliméntanse.

O domingo preséntase a oportunidade de revalidar o chamado título da permanencia. E debe ser tamén unha ocasión para que o obradoirismo reivindíquese.