The Monblues Brothers

Miguel Gómez

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

12 may 2019 . Actualizado ás 22:08 h.

Cheguei ao pavillón tranquilo e con boas sensacións. Por se estivese pouco animado, a profética presentación que fixo Masaguer rematou de convencerme de que iamos gañar: «Boas noites señoras e señores e benvidos ao Multiusos de Sar. Aquí estamos, en 2019, gozando en directo do deporte de elite. Sabedes que cada vez máis xente prefire os xogos electrónicos e poucas oportunidades máis teremos de ver xogadores de baloncesto practicando esta arte. Cara ao ano 2029, o deporte coñecido hoxe como baloncesto, existirá só nas hemerotecas das bibliotecas municipais. Así que esta noite, señoras e señores, mentres poidamos REVISAR, gocemos, desde Rock Island, Illinois (sic), co número 3 Sàbat, 7 Simons, … e 77 Vasileadis. Adestrador, Moncho Fernández. The Monblues Brothers».

O primeiro cuarto foi segundo o previsto e nin tan mal. Atopamos a Kostas (eles a San Miguel) e a un ritmo no que nos atopamos máis ou menos cómodos. Necesitabamos puntos de Brodziansky na pintura e, por unha vez, ese chisco de sorte cos balóns sen dono. Nin unha cousa nin a outra. A saída do segundo cuarto foi un horror. Cando non anotamos cústanos defender e Tenerife cebouse. Se era optimista ao principio, no descanso conformábame con que a segunda parte non fose unha hecatombe.

Eu non cría pero Sàbat si. Meteu tres triplos e pareceu activarse o equipo e o pavillón. Quixemos subir liñas en defensa e Bassas fíxonos unha desfeita. A Sàbat uníuselle Kostas para case rozar a heroica pero a Bassas uníronselle San Miguel, Brussino, Abromaitis... Entre todos o mataron e el soíño morreu.