As perdas de balón

Fran Camba

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

12 may 2019 . Actualizado ás 22:08 h.

O Obradoiro necesitaba resolver os seus problemas ofensivos para pechar definitivamente a tempada. Esta serie negativa acumulada nos últimos dez partidos estivo máis relacionada co rendemento ofensivo do equipo que co seu defensa.

Non é normal, por exemplo, que a mellor porcentaxe de acerto no tiro libre de toda a liga, por amais do 80 %, acumule 22 erros nos últimos tres partidos e quede por baixo do 72 %, nin que se fallen lanzamentos próximos ao aro, de alta porcentaxe, como ocorreu contra Gran Canaria. Retornar á cifra máxica por amais de 1,20 puntos por cada tiro de tres intentado, volver ás 70 posesións como máximo e controlar as perdas volvían ser os parámetros sobre os que asentar a vitoria.

En fronte, un equipo de corte moi similar, ritmo baixo, elevadísimo consumo de lanzamentos de tres, excelentes bases pasadores, sobre todo Bassas, e varios especialistas no triplo, especialmente os catros, Abromaitis e Gillet.

O partido pechouse moi por baixo de setenta posesións cun rendemento no lanzamento extremadamente alto en ambos os equipos. Esta vez a vía de auga que non puido tapar o Obra foron as perdas. Neste contexto desperdiciar catorce posesións é un lastre demasiado alto.

O aspecto positivo para afrontar os dous próximos partidos é que o equipo recobrou a súa confianza ofensiva, rendeu por amais do acumulado na tempada e puido reengancharse ao partido no terceiro cuarto.