O Obradoiro dixire unha derrota dolorosa

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

Nacho Llovet e Nick Spires evitan as escusas e céntranse xa no partido do sábado en Illunbe

22 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A derrota ante o Fuenlabrada doeu probablemente máis que ningunha outra esta tempada. Así o reflectían as caras no vestiario santiagués minutos despois que de finalizase a contenda, con miradas desas que se perden no infinito talvez buscando a explicación a un partido que estaba no peto e que podía ter deixado a permanencia virtualmente selada.

Así o significaba Nacho Llovet, un dos capitáns: «Si, doe, sin duda. Sabiamos que era importante para nós, estabamos mentalizados. Fixemos unha semana de adestramentos moi boa. Saímos súper ben, a morder. Ao final, cinco minutos malos nos que perdes toda a vantaxe... E logo esta lea ata o final no que non nos rendemos en ningún momento. Talvez eles tiveron algo máis de acerto nestas xogadas de talento individual. Sabemos que estes finais tanto se decantan para un lado como para outro. Ao final, tanto o de alí como o de aquí, decantáronse os dous para o seu lado».

E Nick Spires, un dos máis destacados do Obra, non atopaba consolo no seu bo expediente persoal: «Non é unha sensación agridoce, é mala. Quería gañar este partido. Aínda que xoguei ben acabo coa sensación de que tiñamos que ter gañado». E non foi así.

Análises coincidentes

Por separado, os dous pivotes fixeron lecturas moi parecidas do que dera de si o encontro e do que ten por diante o equipo. Toca pasar páxina, rearmarse e pensar xa na seguinte cita, o sábado en Illunbe, ante o renacido Gizpuzkoa.

Nacho Llovet xa empezou a trazar o camiño sobre o mesmo parqué de Sar, antes de que o grupo se retirase aos vestiarios. Foi o momento para a primeira charla: «Isto tampouco é o fin do mundo, gústame o carácter do equipo. Cando as cousas ven mal, a xente vén arriba, animámonos os uns aos outros. Non houbo unha soa recriminación dun compañeiro cara a outro. O único que se fai é darlle ese plus de esforzo e que hai que seguir así o que queda de tempada. Non é momento de baixar a cabeza nin de baixar os brazos, senón de loitar».

O que está moi interiorizado no colectivo é que non convén facer contas senón centrar todos os esforzos no compromiso máis inmediato. «A única conta que fago -comenta o pivote internacional- é ata o seguinte partido que poidamos REVISAR gañar. Agora mesmo só trátase diso, sumar unha vitoria máis e canto antes. Sabemos que queda pouco, que é o esprint final, que está todo moi apertado por abaixo e que se van necesitar vitorias. Non hai tempo para lamentacións, non hai tempo para flaxelacións nin para culpar aos demais, nin nada de nada. Só nos podemos mirar a nós mesmos, traballar todos os días e intentar estar positivos para gañar o seguinte partido e despois o seguinte e o seguinte. Non queda outra».

Ganas de reivindicarse

Na mesma liña pronúnciase o internacional sueco, que non entra nas connotacións matemáticas que rodean a visita desta fin de semana a Illunbe: «Sempre digo o mesmo. Cada partido que vén é o máis importante. Este de Fuenlabrada era o máis importante. Xa se acabou. Deixa mal sabor. Hai que intentar recuperarse, deixar que se vaian as malas sensacións, temos outra semana máis para facer o noso traballo. Que todos vexan que saímos ao cento por cento, intentando dar todo para o equipo e para o Obradoiro».