Dous equipos antagónicos

Fran Camba O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

07 abr 2019 . Actualizado ás 00:28 h.

Sar acolleu onte á noite un dos partidos con maior contraste numérico que se poden ver esta tempada na Liga Endesa. Son dous ritmos de xogo completamente diferentes e dúas formas de investir as accións ofensivas totalmente antagónicas.

Tecnyconta Zaragoza presentouse en Santiago cunha media de case 76 posesións por encontro, a maior da liga, e investindo máis da metade das súas accións ofensivas en lanzar de dúas. Busca transicións ultra rápidas para anotar, mesmo tras canastra en contra, e situacións dun contra un en xogo a media pista como primeira opción ofensiva con preferencia para os xogadores máis exteriores (McCalebb, Seibutis, Berhanemeskel e Okoye)

O obxectivo do Obra consistía en frear o ritmo e levar volume de lanzamentos triplos a xogadores como Nacho Martín, Barreiro ou Radovic.

O acerto desde a liña de 6,75 viña sendo un factor diferencial nos triunfos de Zaragoza, xa no partido da primeira volta foi unha das claves da vitoria do Obra. Naquela ocasión anotaron sete triplos sobre vinte e cinco intentos. Esta vez fóronse a dez de vinte e un.

Nun partido que se disputou a menos de setenta posesións e cunha eficiencia visitante no triplo por baixo dun punto por tiro sería extremadamente raro que a vitoria non quedase en Santiago.

O tiro de dous penalizou

O conxunto santiagués estivo moi ben na repartición das súas accións ofensivas e na eficiencia no triplo, por amais de 1,20 puntos por triplo intentado. Con todo, non rendeu no lanzamento de dous, moi por baixo dun punto por ensaio.

O partido foise outra vez, como na primeira volta, a 78 posesións, coa diferenza de que nesta ocasión os visitantes renderon por amais de 1,3 puntos por lanzamento, con mención especial para Nacho Martín, con quen se asumiu un risco que a probabilidade se empeñou en penalizar onte á noite e impediu que o Monbus Obradoiro chegase xa a esas doce vitorias que practicamente garanten o obxectivo da tempada, a permanencia na Liga Endesa.