Os tiros libres tombaron ao Obradoiro en Málaga

ANDAR MIUDIÑO

Carlos Guerrero -LOF

Os andaluces decantaron a contenda no último cuarto

27 mares 2019 . Actualizado ás 21:40 h.

O Monbus Obradoiro plantou cara ata onde puido pero atopouse cun Unicaja de Málaga que atopou a chave do partido a tempo. Os andaluces equilibraron no terceiro cuarto e apuntillaron no último, nun duelo bastante igualado en todas as frontes salvo o dos tiros libres.

O choque empezou da peor dos xeitos para o Obradoiro, ofuscado e errático en ataque. Brodziansky xogouse sen éxito dúas accións dun contra un ante Wiltjer. As dúas seguintes posesións acabaron en senllas perdas, uns pasos de Obst e unha de Singler por pisar a liña. E antes de chegar ao minuto dous o Unicaja xa mandaba por 8-0. Foi o que tardou Moncho Fernández en pedir tempo morto.

O Monbus Obradoiro recompúxose desde a defensa. Non deixou que os andaluces puidesen correr, tratou de obrigalos a alongar as súas posesións e pechou ben as vías de paso cara ao aro. Singler empezou a producir, Simons saíu inspirado desde o banco e todo iso se traduciu nun parcial 0-14 que freou Roberts a falta de dous segundos para pechar o primeiro acto.

O segundo cuarto foi máis lineal no seu desenvolvemento, sen os impulsos do arranque. Os locais non conseguiron frear a hemorraxia das perdas de balón. Pero o Monbus Obradoiro non rematou de sacarlles todo o proveito. Por ese flanco e coa boa man de Simons conseguiu irse ao descanso cun marcador favorable, 28-34, extraordinario para os seus intereses visto o arranque de partido pero que deixaba un sabor preocupante. Era pouca renda á vista dos problemas que estaba a ter para anotar o Unicaja. E non parecía sinxelo manter o partido por eses camiños. O equipo malagueño promedia 86 puntos por encontro e estaba en 28, pouco máis da metade das súas cifras habituais.

No tramo inicial do terceiro acto o partido seguiu ben para o Monbus Obradoiro, nese ritmo descontinuo que lle estaba dando bos dividendos pola dificultade local para ver aro. A diferenza foise ata os once puntos, 35-46, cun triplo de Sàbat que obrigou a Casimiro a pedir tempo morto. E aí virou o partido, cando peor o tiña o Unicaja e cando xa era notorio o desacordo da bancada.

Sentouse Roberts, que non tivera descanso. Colleu as rendas Milosalvjevic, subiu a intensidade defensiva e atascáronse os visitantes. A todo iso se lle sumou un maior acerto local no triplo, dous persoais en ataque seguidas do Obradoiro e un parcial 10-0 para pechar o acto cun axustado 47-48.

Xa non houbo volta atrás. Moncho Fernández, desconforme co criterio arbitral na aplicación das faltas persoais (31 nun lado e 17 no outro, 13 tiros libres un equipo e 31 o outro), gañouse dúas técnicas e a consecuente exclusión. Simons, infalible na primeira parte, perdeu o tino. Ninguén colleu a substitución e o partido caeu ao lado andaluz. O Unicaja, que fixera 28 puntos na primeira parte, engadiu 46 tras o intermedio. Aí estivo o partido.

Málaga 74: Roberts (13), Salin (11), Milosavljevic (10), Wiltjer (2) e Lessort (6) -cinco inicial-. Dani Díez, Shermadini (4), Waczynski (7), Carlos Suárez (19) e Lucas Muñoz (2).

Obradoiro 63: Sàbat (3), Obst (2), Singler (18), Llovet e Brodziansky (13) -cinco inicial-. Simons (17), De Zeeuw (2), Spires (2), David Navarro (2), Hlinason (1) e Pepe Pozas (3).

Parciais en cada cuarto: 12-14; 16-20; 20-14; e 27-15.

Árbitros: Jordi Aliaga, Sergio Manuel e Alfonso Oliveirais. Excluíron por dúas técnicas a Moncho Fernández.

Incidencias: Martín Carpena. Vixésimo cuarta xornada da Liga Endesa, con algo máis de sete milleiros de espectadores.