O rebote ofensivo deu 16 puntos ao equipo de Peñarroya

Fran Camba O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

LOF

10 mares 2019 . Actualizado ás 00:58 h.

O Obra afrontou un partido extremadamente complicado ante un dos mellores equipos ofensivos da liga. Peñarroya fixo da sinxeleza unha virtude e logrou, como antes en Andorra, espremer ao límite o seu persoal e segue obtendo un extraordinario rendemento, a pesar dos cambios no roster.

Os manresanos susténtanse basicamente nunha rotación de 8 xogadores que permaneceron máis de 20 minutos por partido en pista desde a saída de Renfroe, con especial mención para Toolson, que acumula case 32 minutos por noite e que elevou o seu rendemento ata un excelente 1,3 puntos por posesión consumida nos últimos dous meses. Xunto a Toolson, tanto Lundberg, facendo funcións de base ou de escolta, e Lalanne no interior, eran os principais xogadores a ter en conta.

O partido de Sar xa ofrecera unha excelsa versión ofensiva de ambos os equipos e pequenos detalles defensivos como limitar os lanzamentos de Lalanne, normalmente moi próximos ao aro, e levar volume de tiros a xogadores como Tomás ou Muñoz parecían ser clave no resultado final.

Os dous equipos lograron provocar un volume alto de lanzamentos nos xogadores rivais que máis interesaban, por iso o rendemento ofensivo diminuíu significativamente con respecto ao partido xogado en Santiago. Xogouse a menos de 70 posesións, como quería o Obra, pero un par de detalles marcaron de forma definitiva o resultado final, o acerto de Zubcic desde o triplo, que compensou a Murphy e a Toolson, e o elevadísimo porcentaxe de rebote ofensivo manresano, por amais do 30 %, que concedeu ata 16 puntos aos locais, demasiado para un partido que se gañou con 75 puntos.