O gran amigo do Obradoiro

Manuel García Reigosa
M. G. Reigosa O PERISCOPIO

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

21 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Tonecho Lorenzo é para o Obradoiro como ese amigo que todo o mundo quere porque sempre está ao lado para acompañar ou axudar, sen necesidade de facerse notar. É tamén dos que suman ou multiplican, dos que jamas restan ou dividen, discreto.

Quen ano a ano acoden á cea de veteranos do Obradoiro adoitan dar fe do papel que xoga na intendencia, á hora de organizar e convocar. Tamén é doado atopalo no canhadoiro, esa singular iniciativa promovida pola afección para compartir unhas canas e falar do equipo e de baloncesto. Resulta sinxelo dar con ela en calquera proposta que teña algunha relación co club no que foi xogador, adestrador e sempre seguidor. Meses atrás, coincidindo coa presentación do documental sobre o Camiño de Santiago protagonizado Asa Petrovic, seguindo a Ruta da Prata, Tonecho Lorenzo chegou co tempo xusto e situouse na última fila. E, cando empezou a quenda de intervencións, o que subscribe pensaba para si que aquel xogador que levou o número 14 na década dos setenta no vello pavillón de Sar ben podería estar no escenario xunto ao lendario base serbio, porque poucos poden explicar o Obradoiro como el o viviu e como o sente. Se algunha vez o club pensa na figura dun embaixador que transmita unha boa imaxe de marca, Tonecho Lorenzo debería estar dos primeiros na lista.

«Toca centola e lagostino, pero somos de tortilla e polbo», dixo na Supercopa. Sempre atina nas súas reflexións. Nunca lle falla ao Obradoiro. E merécese os recoñecementos, por máis que rehúya os focos.