Sastrería e traxes a medida

Rivera Mozan

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

14 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando se tacha de diferente o xogo do Obradoiro nunca souben se se fai como eloxio ou crítica, ou mesmo con certa envexa. É un equipo cun arsenal táctico maiúsculo. Sácao a relucir en cada partido con situacións de xogo baseadas nunha infinidade de bloqueos indirectos, co gran repertorio existente destes, posteos para xogadores exteriores e interiores, aclarados centrais, laterais, saídas de presión, situacións especiais etcétera. Simplemente, xoga ao BALONCESTO TOTAL, permítaseme a expresión. Os pouco ou nada xenuínos e que son todos iguais, son os do uso e abuso do bloqueo directo, os que poñen aos xogadores ao servizo dos sistemas, copiados e repetidos unha e mil veces por unha gran maioría dos equipos, e non o sistema ao servizo dos xogadores, como sería o máis lóxico. En sastrería Obradoiro faise un traxe a medida de cada xogador, como debe ser, e na nosa liga ás veces tense a sensación de que a todos os viches o mesmo xastre. Bendita diferenza.