A afección distingue a Llovet como o mellor de xaneiro

ANDAR MIUDIÑO

Xoán A. Soler

O pivote recoñece que está ante a súa mellor tempada na ACB

15 feb 2019 . Actualizado ás 21:19 h.

Nacho Llovet suma unha nova distinción entre as que outorga Estrella Galicia ao mellor xogador do mes, de acordo cos votos da afección. Foi elixido o mellor de xaneiro e recolleu o galardón no Mercado de Boanerges. O pivote mostrouse encantado de repetir experiencia e, en maior medida, pola boa marcha do Obradoiro neste tramo: «Estou moi contento outra vez polo premio pero, sobre todo, porque o último mes mes e medio significou moi bo xogo para o equipo e chegaron vitorias. Isto é o máis importante».

O pivote recoñece que esta campaña está a render ao seu mellor nivel desde que chegase á ACB: ««Si, seguramente é a mellor. É a tempada con máis protagonismo, máis minutos, a nivel de números tamén. Agardo que poida significar máis vitorias para o equipo. Estou a sentirme ben fisicamente. Houbo algún problema despois do golpe contra o Murcia, pero nada grave. Agora, a aproveitar estes días para recuperar e agardo acabar estes tres meses do mesmo xeito. sentíndome ben e axudando ao equipo ao máximo».