A Fonteta é redonda

Miguel Gómez O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

Carla Cortes LOF

09 feb 2019 . Actualizado ás 23:48 h.

Vivimos tempos convulsos. A realidade hase volto tan surrealista que supera as noticias de web satíricas, algunha marabillosamente enxeñosa. Menos sentido do humor, ou ningún, teñen personaxes cos que nos damos de bruzos todos os días: políticos populistas que estrañan perigosamente o pasado, antivacunas, negacionistas do cambio climático e da violencia machista, defensores de que a terra é plana e a Fonteta redonda. Xente que, como diría Aníbal Quevedo, o protagonista do fin da tolemia de Jorge Volpi, confunde facer ruído con ter razón.

Dixo Moncho hai uns anos que Ponsarnau era un referente. Parécense. Ponsarnau conseguiu armar un equipo que perde moi poucos balóns, mantense nos partidos co seu xogo exterior e os finiquita co seu xogo interior. Adestrador metódico, como Moncho. Poucos lembran xa a rolda de prensa que deu en novembro: «Irei a casa, dareille un bico á miña muller e explicarei aos meus fillos que o seu pai é moi teimudo e gústalle moito ser adestrador. Pero non esquezades que vos quero moito e que o primeiro sodes vós». Teimudo, sobrevivente de barrio, tamén como Moncho.

A primeira parte caracterizouse polo elevado acerto de ambos os equipos. A diferenza a favor de Valencia fundamentouse na mellor selección das súas faltas: 9 para conceder só 5 tiros libres; 10 fixo o Obradoiro que supuxeron 11 tiros libres aos locais.

A segunda parte seguiu polos mesmos camiños. Desde o método, acerto exterior e Will Thomas sumaban para Valencia. O Obra respondía con Kostas e Brodziansky. Sobraba método e faltaba barrio. Valencia tomou doce puntos de vantaxe. Moncho provocou unha técnica, pediu tempo morto e puxo a xogar a Llovet e a Navarro, outros teimudos de barrio. Mellorou o Obra en defensa. Perdeu a batalla do rebote pero gañou a guerra das recuperacións de balón e puxo un ovo de pé para demostrar que a terra poderá ser plana, pero a Fonteta é redonda. Como cantaba Maky Vallecas, outro de barrio, irmán nesta vida, se pasa a fortuna, hai que estirar as dúas mans para agarrala cunha.