Moncho Fernández: «A vitoria ten un valor enorme»

«Ser capaces de volver deunos o plus de crer», subliñou o técnico

LOF

Poucos minutos tardou Moncho Fernández en comparecer en rolda de prensa tras o partido. Mostrou a lóxica satisfacción do triunfo, sen indicio de euforia: «Fixemos un partido enorme desde o punto de vista ofensivo para poder gañar aquí, sobre todo na segunda parte. Creo que o equipo demostrou moita personalidade porque cando as cousas se puxeron máis feas fomos capaces de seguir xogando, de seguir crendo, de non rompernos. O partido chegou a unha situación na que o final estaba próximo e podería caer de calquera lado e creo que o noso apromo e acerto foi definitivo».

O Alquimista de Pontepedriña non acabou tan satisfeito ao pór a lupa no traballo de contención: «Sufrimos bastante coa defensa do balón interior. Creo que é algo que despois melloramos un pouco».

En calquera caso, non quitou un chisco de mérito ao partido que completaron os seus discípulos: «A vitoria ten un valor enorme porque o equipo local tamén xogou un partidazo, con moitísimo acerto, con moitas canastras, o que fai máis meritoria aínda a vitoria».

En Valencia, a primeira pregunta para Moncho Fernández foi sobre Hlinason, o pivote cedido polo conxunto taronja. Non dubidou en enxalzalo: «Como todo xogador novo, atópase nunha fase de progresión e aprendizaxe. Nese aspecto cremos que cada día vai dando pasos cara adiante e facéndoo mellor cada vez. No que se refire ao seu compromiso co traballo, as súas ganas e a súa dedicación, niso está a nivel dez».

A batalla do rebote caeu claramente ao lado local, con trece capturas máis. A pesar diso, o Obra foi capaz de levar o triunfo. O Alquimista achacouno, en boa medida, «ao moito acerto ofensivo, empezando por só tres perdas no partido». Subliñou o dato: «É marca en toda a nosa historia na Liga Endesa. Iso permíteche tirar. E o certo é que lanzamos con moitísimo acerto. Non só o Obradoiro. Todos os equipos que se enfrontan ao Valencia teñen un hándicap porque hai que defender a xogadores dunha talla enorme como Will Thomas ou Dubljevic. É lóxico que suframos. Ademais, nun partido ao que chegamos con Nacho tocado, sen practicamente ter adestrado en toda a semana, e con Nick que tamén tiña un problema no nocello. Tryggvi meteuse pronto en faltas. Aí o Valencia fíxonos dano. Talvez estivemos mellor nos últimos compases».

Moncho Fernández non cre que a derrota vaia a pasar factura ao Valencia na Copa do Rei . E recoñeceu que unha das claves estivo na capacidade do equipo para darlle a volta ao marcador no último cuarto: «A falta de dous minutos estabamos a elas os dous. Desde o punto de vista psicolóxico, ser capaces de recuperar os trece puntos de diferenza que chegou a ter o Valencia talvez lles pasou factura. Habería que preguntarlles a eles. Creo que a nós nos deu un plus. O mérito é dos xogadores, que tiveron o acerto e sobre todo a temperanza de meter os tiros libres e canastras complicadas, ou capturar un rebote ofensivo como fixo David nun momento moi importante. Ser capaces de volver deunos o plus de crer que podiamos conseguir a vitoria».

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
20 votos
Comentarios

Moncho Fernández: «A vitoria ten un valor enorme»