Outro banzo máis

KOKE RAMA BALONCESTO

ANDAR MIUDIÑO

04 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Un golpecito máis na mesa, unha vitoria merecida, sufrida e balsámica. O noso rival talismán da Liga Endesa chegou a Santiago cun cambio de adestrador, a priori sempre estimulante, e coa necesidade por bandeira. A defensa visitante marcou o ritmo do partido. E tamén o apoio desde a bancada. Foi unha defensa física con moitos contactos no corpo a corpo, pero con pouca solidez colectiva á hora de rotacións e axudas.

Poucas me parecen as 33 veces que fomos ao tiro libre, a tenor do nivel de contactos que produciu a defensa rival. O vello axioma de facer 50 faltas para que che piten 25 teno interiorizado o equipo murciano.

Supúñase un partido duro. E así foi. O Obra volveu apelar unha vez máis ao seu xogo colectivo e ao seu consistente defensa. Unha vez máis, a boa porcentaxe no tiro de tres axudou de forma clara a conseguir a oitava vitoria.

Hai tres xogadores a destacar. Á parte do sempre omnipresente Kostas Vasileiadis, podemos falar hoxe da parella Nacho Llovet-Albert Sàbat, aparecendo en momentos moi importantes do partido. Tamén para min foi clave David Navarro, demostrando experiencia e achegando puntos valiosísimos no último cuarto.

O Obradoiro asinou a terceira vitoria consecutiva no noso fortín de Sar, onde parece que o equipo se sente moi cómodo, confiando nas súas posibilidades.

O próximo partido en casa será o derbi co Breogán, unha festa do baloncesto galego, outro choque crave para escalar outro banzo máis en busca do título da permanencia.